Bienvenido

MONSTRUO ROSA.

viernes, 24 de abril de 2015

“Quen quere voar?... Quen quere ata as estrelas chegar?... Quen vai atopar o tesouro?...” Con estas e outras preguntas recollidas nun poema, comezamos as actividades coas que celebrar o “Día do Libro 2015”.

Nas asembleas descubrimos que o “Día do Libro” conmemórase cada 23 de abril por ser a data na que morreron escritores da talla de Miguel de Cervantes, Garcilaso de la Vega ou William Shakespeare.

Xa dun xeito máis contextualizado cos nosos intereses, conversamos sobre algúns dos nosos contos favoritos,... cantos contos contamos!
Primeiro saíron contos de sempre como o de Caperucita Roja, Los 3 cerditos ou El patito feo e coleccións dos personaxes dos nosos debuxos animados preferidos como Caillou ou Peppa Pig. Asemade,  lembramos algúns dos contos que levamos na actividade do préstamo: A que sabe a lúa?, A bruxa regañadentes ou Renato da editorial Kalandraka, tamén o conto de Corre corre, cabaciña, Cocorico ou Paco Papán de OQO editora; historias que, nalgúns casos, se converten en auténticas obras mestras da literatura infantil actual.
Estes e outros contos, constitúen a materia prima dun dos espazos creados na nosa aula nos que a fantasía, a imaxinación e a viaxe a fantásticos lugares está garantizado... o rincón da biblioteca!


Neste senso, grazas a Carmen a profe de P.E.L.O., coñecimos un novo conto que trouxo consigo diversas actividades co gallo do “Día do Libro”.

MONSTRUO ROSA. (Apila ediciones)
MONSTRUO ROSA é un conto sobre o valor da diferenza, unha historia para entender a diversidade como elemento enriquecedor da nosa sociedade.


Debuxamos aos personaxes do conto: o bicho bola de cor NEGRA, a rá dos tres ollos de cor VERDE, os paxariños de cor AMARELA, o monstro dos abrazos de cor AZUL... etc


Tamén creamos e recreamos cadanseu protagonista, converténdonos xunto cos nenos e nenas de 3 ANOS A en... Monstruos Rosas!...


Quedou un estupendo traballo co que agasallamos á bibliotecaria da nosa vila... fantástico!


Xa o martes, logo da asemblea e lembradas as normas que debemos seguir durante as saídas, acudimos á Biblioteca Pública Municipal de Rianxo.
Saímos do colexio sen tan sequera sacar o mandilón...


Camiñamos amodo, agarradiños e ben arrimados á parede...


E por fin, por fin chegamos á biblioteca da nosa vila, un espazo que moitos xa coñecemos por acudir algunha tarde coa nosa familia... non si?..


Alí, recibiunos Sofía, a bibliotecaria, que nos sorprendeu cun marabilloso deseño de Monstruo Rosa na súa camiseta... estaba sensacional!


Sen perder detalle, na zona infantil, escoitamos a historia de Monstruo Rosa e coñecimos algúns contos que podemos levar para as nosas casas.
Asemade, Sofía contounos coa técnica do Kamishibai un conto propio de África: Por que hai tantas pedras no fondo dos ríos? da editorial Miniland.


Ademais de todo isto, na biblioteca tamén houbo un tempo para traballar, pintando en pequeno grupo algún elemento para o mural do Monstruo Rosa: casas, nubes, árbores... cantas cores!



E para rematar,... que mellor xeito que ollar de xeito libre os contos da biblioteca?… uf, aí si hai contos!



Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

1 comentarios:

Profe J.Ricardo dijo...

A partir desta semana teremos cada venres un único contacontos.
O contacontos deste venres será:
- NAIRA: "A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza”. (Edit. Kalandraka)