Bienvenido

A PAZ É O CAMIÑO...

viernes, 30 de enero de 2015

Ao longo desta semana, de maneira especial, traballamos aspectos relacionados coa Educación para a Paz. Isto non quere dicir, nin moito menos, que este ámbito de traballo o limitemos unicamente a esta data, pois durante distintos momentos da xornada escolar, dunha maneira ou doutra, traballamos elementos relacionados con este ámbito de acción da Educación en Valores.
Así, por exemplo, o momento da asemblea posibilita o traballo transversal desta temática no momento en que pouco a pouco avanzamos na escoita atenta ao resto de compañeiros, a saber respectar a súa opinión, e, sobre todo, levantar a man antes de falar. Tamén traballamos elementos relacionados con esta temática cando a principio de curso consensuamos as normas que rexerán a vida da aula ou cando descubrimos formas pacíficas e máis aceptadas socialmente para resolver os nosos conflitos cotiáns.
Pois ben, todo isto foi traballado dun xeito máis dirixido e intencional nesta semana na que nos mergullamos no concepto de PAZ.
Para iso, as asembleas matinais, convertíronse nun recurso excepcional para chegar a este concepto.
Comezamos coa lectura de Negros y blancos. (Edit. Anaya), un fermoso conto que relata como unha encarnizada guerra entre elefantes “Negros y Blancos” non trae nada máis que morte e destrucción... non perdemos detalle!
Negros y Blancos (Edit. Anaya)
Posteriormente, e para organizar un pouco as nosas ideas, -que non eran poucas-, decidimos facer un bule-bule, e previa man levantada, -esta semana facíase algo indispensable-, relacionamos a PAZ con accións tales como: “portarse ben”, ”compartir”, “ir ao parque”, “recoller na casa”...
Ademais, para este curso, a partir da temática do proxecto de traballo da biblioteca: “Lendo, lendo, lendo... o mundo percorrendo” (culturas e países do mundo), propúxose que cada clase escribise a palabra PAZ no idioma do país adxudicado a principio de curso.
No noso caso, os nenos e nenas de 3 ANOS, empregamos o africano, a forma na que falan en ÁFRICA e escribimos VREDE prestando atención ás letras que compoñen esta palabra: quen as ten no seu nome, apuntamos algunha palabra que ten como inicio algunhas destas letras... fantástica situación de aproximación á lecto-escritura!...
Xa logo, nunha cartulina A3, recreamos a palabra reinterpretada por unha tribo africana do máis pintoresca: empregamos rotuladores de cores, fluorescentes de maiores e moita-moita purpurina.



Quedou xenial onda o panel da entrada do noso pavillón. Sen lugar a dúbida, a PAZ é un concepto do máis internacional... súper-universal!


Finalmente, xa o venres, despois da merenda, dirixímonos ao pavillón sur para xuntarnos co resto de nenos e nenas do cole. Ataviados coas nosas coroas da PAZ, asistimos ao acto organizado no que os nenos e nenas máis maiores leron algunhas curiosidades sobre o Día da Paz, destacando persoeiros tales como: GANDHI, TERESA DE CALCUTA ou mesmo a recente MALALA,... toda unha heroína!...


E para rematar... cantamos e bailamos a canción escollida de Antonio Flores titulada: “No dudaría” que durante estes días serviu para amenizar o momento da merenda e mesmo o do traballo obrigatorio ou individual.


Uf!... unha semana ben intensa que rematamos co momento do contacontos na biblioteca a cargo de NICOLÁS e XIMENA; cada un no seu estilo, estiveron... fantásticos!...



Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

CÓNTAME UN CONTO...

viernes, 23 de enero de 2015

A partir desta semana, incorporamos unha nova rutina á nosa parrilla de clase, a do préstamo de biblioteca, unha actividade cunha periodicidade semanal (de venres a venres) que propiciará un sempre grato encontro co mundo dos contos e da lectura que creará un clima que resulta tan grato e estimulador para a aprendizaxe.
Ademais, tamén servirá para familiarizarnos coa dinámica da biblioteca (normas, servizo de préstamo), para ilusionarnos cun ambiente propicio á lectura no ámbito escolar e familiar e para contaxiarnos do entusiasmo dos libros como portadores dun mundo máxico e marabilloso. Algo que levamos traballando xa dende principio de curso no rincón de biblioteca da nosa aula.


Ao longo de cada semana, coa axuda indispensable das nosas familias, traballaremos o conto escollido para comprender a súa liña argumental, xa que cada venres, nomearemos dous contacontos por rigurosa orde da casiña do panel de rutinas, que “lerá” o conto ao resto de compañeiros e compañeiras a través da intepretación das imaxes e ilustracións que o compoñen.


A través da narración dos contos, aprenderemos a escoitar, a pensar, a  adquirir un primeiro código moral, a ver as cousas cos ollos da imaxinación, estimulando a creatividade, o pensamento diverxente e o sentido crítico.
Entre as moitiiísimas actividades que podemos levar a cabo a partir do conto están: as actividades de comentar que axudan a asimilar o conto e a realizar unha trasposión dos feitos ás experiencias vividas, actividades de xogo dramático, representando os roles dos protagonistas, tamén actividades de creación de historias como a ensalada de fábulas ou o binomio fantástico propostas por Gianni Rodari na súa obra Gramática de la Fantasía (1985).
Neste senso, unha das actividades que levamos a cabo na clase a partir dos contos son as actividades de ilustración, como debuxar o noso personaxe favorito do relato ou a escena que máis nos gustou, obtendo como resultados uns debuxos con toneladas concentradas de fantástica fantasía...
Moi entusiasmados coa actividade do préstamo, o venres a última hora fomos á biblioteca. Alí lembramos as normas, usos e funcións da biblioteca.
Logo, o profe foinos presentando os contos da editorial Kalandraka e OQO que levaremos de préstamo alomenos durante este 2º trimestre.


Así, temos contos como: A cebra Camila (Edit. Kalandraka), A casa da mosca chosca (Edit. Kalandraka), Avós (Edit. Kalandraka), Unha historia fantástica (Edit. Kalandraka)... algúns deles xa os coñeciamos, e outros, descubrímolos durante estes días nas asembleas matinais.
Logo, tras lembrar que cada semana os contos deberán vir en perfecto estado, -non se poden colorear, raiar, romper...-, comezamos co proceso de selección, un proceso que suscitou polémica, pois case todos queriamos os mesmos contos... que curioso!
Esta situación non supuxo problema algún, xa que os únicos que cada semana poderán elexir conto serán... os dous contacontos de cada semana!
Temos pois para a vindeira semana como contacontos a NICOLÁS, que escolleu o conto de A casa da mosca chosca (Edit. Kalandraka) e a XIMENA co conto de Renato (Edit. Kalandraka)... estamos seguros que o farán fenomenal!
O resto, moi, pero que moi entusiasmados, asignado aleatoriamente o conto co que disfrutaremos esta semana, no máis dos absolutos silenzos, aproveitamos para unha primeira toma de contacto co conto: pasamos follas, ollamos os debuxos, fixemos de profes ensinando as ilustracións...







E para rematar... descubrimos que na zona temática da biblioteca había unha mostra de materiais e contos cunha temática común: a PAZ. 


A PAZ será un termo ao que nos aproximaremos durante as vindeiras semanas, así que seguide moi de cerca o noso blogue... a PAZ comezará co sorriso dun neno!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

CiEnCiA KiDs!... (II)

viernes, 16 de enero de 2015

Esta semana, voltamos a ter a visita dos científicos cos que aprenderamos un montón de cousas o trimestre pasado... lembrades?...
Nesta ocasión, os científicos viñeron ao cole para seguirnos mergullando nalgunhas das curiosidades que desenvolven no seu traballo cotiá.
Así pois, antes de subir á aula de vídeo do pabillón norte, lembramos algunhas das actividades desenvoltas nos obradoiros do auditorio alá polo mes de decembro: coñecimos algunhas das especies que existen no fondo mariño, descubrimos algunhas das propiedades da auga, no que a densidade se refire, a través de diferentes experimentos, identificamos de que se alimentaban os mexillóns... e ata nos convertemos en todos uns auténticos científicos mirando por un microscopio de verdade.
Menuda memoria!... acordabamonos de todo ou de case todo, especialmente do relacionado co plancton e co microscopio.
Nesta ocasión, o obradoiro centrouse no uso dos sentidos como fonte de coñecemento e de aprendizaxe.
Así pois, comezamos empregando o sentido do OLFATO. Para iso, tiñamos que ter os ollos ben pechados para identificar o que había en dous recipientes.


Nun dos recipientes atopábanse uns mexillóns coa súa salsa. Isto custounos un chisquiño, e mira que somos expertos no que a este molusco se refire.


O segundo recipiente resultou máis doado... era gasolina!... Gasolina dos coches, dos camións, das motocicletas e mesmo dos... barcos? Siii, os barcos tamén levan gasolina, quedou clarísimo!
O que máis nos gustou, foi todo o relacionado co uso do MICROSCOPIO. Aínda que nesta ocasión non tivemos a oportunidade de converternos de novo en científicos, nunha pantalla grande, moi grande, coa axuda inestimable dos científicos, descubrimos que era iso tan pequeniño tan pequeniño que logo se vía tan grande, enorme, na pantalla: unha area de sal, un pelo e ata pó cun curioso habitante (ácaro) que, ampliado, semellaba un polbo... incrible!


Xa na última parte do obradoiro, deixamos a un lado o sentido do olfato e descubrimos as posibilidades agora que nos ofrece o sentido do TACTO. Neste momento, os científicos amosaron unha caixa decorada con elementos mariños no que, de novo cos ollos pechados, debiamos identificar que elementos se atopaban no seu interior.


Isto si que resultou complicado, aínda nos custa moito moitísimo determinar si un obxecto é brando ou duro, longo ou curto, lixeiro ou pesado... pero as nosas caras de incertidume supuxeron un momento fantástico para comprobar como aquilo que nos chama a atención convírtese nunha excepcional situación de ensinanza-aprendizaxe que contribúe ao noso proceso de desenvolvemento integral.


Agora, queda agardar ao vindeiro mes, xa que alomenos ata o mes de maio, recibiremos cunha periodicidade mensual a visita destes científicos e.. quen sabe?... quizais estas experiencias inspiran a máis de un a querer ser científicos cando sexamos maiores...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

BOAS NOVAS DENDE ORIENTE...

viernes, 9 de enero de 2015


Despois dunhas merecidas vacacións voltamos ao cole e aínda que sabemos que a máis de un lle custará coller de novo o ritmo de traballo da aula, moitos desexabamos que as vacacións rematasen e ver a todos os nosos amiguiños e amiguiñas.

Evidentemente, despois de tanto tempo, tiñamos mil millóns de cousas que contar e, como non podía ser doutro xeito, a conversa centrouse fundamentalmente nos agasallos do Nadal. Non fomos bos, non, fomos, re-que-te-bos, e Papá Noel e os Reis Magos viñeron cargadiños de agasallos: bicicletas, bonecas, coches, patinetes e unha lista interminable de xoguetes.


Logo desta conversa inicial, e como unha mañá máis, comezamos coas rutinas de entrada e coa asemblea matinal: novo rito para o saúdo inicial, -comezamos cunha nova canción para este momento da xornada-, elección  da primeira súper-encargada do ano: MICAELA, fichaxe de ausencias e presenzas, constatación do tempo atmosférico no panel do coello espacial, actividades de aproximación á lecto-escritura e de iniciación ao razoamento lóxico-matemático...
Cada rutina deselvoveuse co ritmo habitual ata o momento en que nos diriximos á zona de mesas para dispornos a facer unha actividade impresa do rei Melchor. 


Foi neste momento cando a profe Belén, que como cada xoves participa activamente das nosas asembleas matinais, viu no rincón da cocinita a NUBA onda 3 paquetes e unha misteriosa carta.
Rapidamente, todos e todas dirixímonos cara esta zona da aula e, neste contexto, as hipóteses resultaron innecesarias... siii as SS.MM. os Reis Magos de Oriente na súa visita polas rúas de Rianxo o día da Gran Cabalgata Real lembráronse de pasar pola nosa clase... xenial!


Reis e Magos, pois claro que se lembraron da carta que lles entregaramos na súa visita ao cole... acaso dubidábadelo?...
Nerviosos e moi entusiasmados, desexabamos abrir cada agasallo para descubrir o que nos deixaran; non tiñamos nin idea do que se podía agochar en cada paquete.
Para isto, fixemos 3 grupos para que cada un de nós tivese a oportunidade de abrir un agasallo, e ao sinal de: “preparados, listos, xa!” un tras un fomos abrindo cada paquete.
En primeiro lugar, o agasallo do REI MELCHOR...

-fenomenal, xusto o complemento perfecto para disfrutar máis que nunca cos piratas!-.

Logo abrimos o agasallo do REI GASPAR...

-este agasallo si que nos dará xogo na actividade do préstamo semanal que axiña comezaremos!-

Finalmente, abrimos o agasallo máis grande, o do REI BALTASAR...

-fantástico, agora xa teremos a quen peitear co kit de perruquería!-

Tras coñecer o que se agochaba en cada paquete, o profe puxo un pouco de calma coa lectura da carta que as SS.MM. os Reis Magos de Oriente nos deixaran. Nela explicaban un montón de cousas tales como que ao longo de todo o ano agóchanse nas nubes que se ven dende unha das fiestras da clase, que nos temos que portar ben, traballar como maiores…
Xa o venres, levamos para o cole o noso xoguete de Nadal preferido. Había de todo e para todos os gustos: resultou unha xornada divertídisima!...
















A experiencia resultou interesante, sobre todo porque todos e todas decatámonos que sabemos compartir sen ningún problema e as rabietas e obstinacións que poidan xordir por este motivo deixámolas para as nosas casas, dende logo no cole..., nin rastro!
Non podemos transmitirvos todas as ilusións vividas, pero se queredes saber máis, non dubidedes en preguntarnos que vos contamos algún outro detalle do acontecido nesta primeira semana de cole...
E para a vindeira semana, que?... comezaremos o libro 3 de NUBA que nos permitirá iniciarnos no coñecemento da rúa e das tendas a partir da viaxe fantástica a NUBARIS e á rúa NUBESOL... preparados?... comezamos!!!...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

PARA NENOS, E NON TAN NENOS...

lunes, 5 de enero de 2015

A mañá do martes 16 de decembro resultou un tanto especial, pois ninguén de nós podía imaxinar que teriamos unhas boas novas tan especiais...
Coma se dunha mañá máis se tratase, chegamos á aula, quitamos os nosos abrigos, guantes, bufandas e gorros, puxemos o mandilón e realizamos o ritual da asemblea: elección do súper-encargado, fichaxe de ausencias e presencias, constatación do tempo atmosférico, actividades de lecto-escritura e lóxica-matemática e unha nova chocolatina do noso Calendario de Adviento que nos lembraba que o Nadal estaba a piques de chegar...
Foi logo de todo este ritual, cando nos decatamos de que na Pizarra Dixital Interactiva había algo pegado: era unha ficha de cor azul, non, era un debuxo, que va... era unha carta!!!...


Pero... quen nos escribía unha carta?...
Axiña pensamos en que a carta sería unha máis das que moitos de nós trouxemos durante os días previos para unha das actividades organizadas polo “Equipo de Biblioteca”, pero non, nin moito menos... a carta viña de Oriente! Rapidamente, descubrimos que a carta viña nada máis e nada menos que... das Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente..., a-lu-ci-nan-te!
Cos ollos e as orellas abertas, moooi abertas, e coa boca pechada, moooi pechada... escoitamos con atención sen perder detalle do que poñía a carta.
As Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente, pedíannos que preparásemos as nosas cartas, porque nos vindeiros días acudirían ao cole a recollelas.
O certo é que resultou doado determinar que agasallo non debe faltar hoxe pola noite na nosa árbore de Nadal: coches, bonecas, carritos e cunas de bebés, avións, patinetes... O máis complicado foi poñernos dacordo co que queremos que nos deixaran para a clase.
Tras un intenso e longo debate, -custounos un chisquiño poñernos dacordo-, debuxamos nunha carta as 3 cousas que lles pediríamos aos Reis Magos para o cole. Agora tan só queda agardar ao vindeiro xoves 8 de xaneiro e comprobar se lembraron pasar pola nosa aula, por 3 ANOS B...

  

Sen lugar a dúbidas, resultou unha situación extraordinariamente fantástica a provocada tras a carta que as SS.MM. nos deixaron na nosa aula. Miramos e remiramos pola ventá a ver si os viamos escondidos tras as nubes brancas que esa mañá había no ceo, pero...


Non houbo sorte... nin rastro de coroa, de barba ou de capa de Rei Mago... iso si!... SABELA R.G. e GAEL, comentaron moi entusiasmados, que de camiño para o cole, viran cruzar a estrada aos Reis Magos montados nos seus camelos... que afortunados!...


Xa o xoves 18, os 3 Reis Magos dende o máis lonxano Oriente viñeron visitarnos ao cole. 
Foi unha mañá de nervios, moooitos nervios, unha mañá de festa total... Estabamos impacientes, moi, pero que moi impacientes, e rapidamente comezamos a preguntarlle ao profe si o policía que cada mañá curta o tráfico no paso de peóns estaba xa no seu lugar para que os Reis Magos montados nos seus camelos puidesen cruzar a estrada.
Xa logo... dando cos pés no cú, acudimos ao pabillón norte e... 


alí, alí mesmo estaban os 3 Magos de Oriente sentados nos seus tronos reais... que momentazo!














E para repoñer forzas... unha merenda especial, unha merenda rica-riquísima de Nadal, para a que cada un trouxo o seu postre preferido: turrón, froitos secos, galletas e, chocolate, moooito chocolate... mmm, delicious!




FAMILIAS!!!... Despois dun Nadal repleto seguro de mil e unha anécdotas cargadas de toneladas de ilusión, maxia e fantasía, agardamos que voltedes a crer nos Reis Magos, e nunca esquezades que... os Reis Magos existen!, existen no corazón de cada un dos que cren neles!...


Un saúdo moooi NeRvIoSo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!