Bienvenido

CONTAMOS MOITO!

viernes, 25 de abril de 2014

O mércores 23 de abril celebramos o “Día do Libro”, unha data coa que se pretende homenaxear e valorar as aportacións de moitos escritores e escritoras que contribúen, dalgunha maneira, ao progreso social e cultural da nosa sociedade.
Así pois, na asemblea matinal adicamos un tempo a falar dos motivos polos que se celebra este día e lembramos que cada 23 de abril conmemórase o “Día do Libro”, por ser o día no que morreron escritores da talla de Miguel de Cervantes, Garcilaso de la Vega ou William Shakespeare.
Deste xeito, no ano 1995 a UNESCO promulgou o 23 de abril como “Día Internacional do Libro”, a pesar de que no caso concreto de España xa se viña celebrando dende o ano 1930.


Este día, non pasou desapercibido na nosa clase, e dende primeiriña hora da mañá, na rutina da asemblea matinal, descubrimos que o “Equipo de Biblioteca” do cole nos deixara una agasallo en forma de libro.
Así, aos contos da nosa biblioteca de aula que traballamos ao longo deste curso, engadimos un novo: Ch de China de Intermón Oxfam. Ademais, neste curso, o libro viña con 5 chapas que sorteamos servíndonos das tarxetas coas que aprendemos a escribir os nosos nomes e apelidos en letra minúscula enlazada e dun marcapáxinas para cada un co lema escollido para este curso por “Bibliotecas Escolares de Galicia”: “Ler ciencia na biblioteca escolar”.


Nesta asemblea, aproveitamos para conversar sobre algúns dos nosos contos preferidos e, os  contos de sempre, os contos de toda a vida, deron paso aos contos máis ultra-modernos protagonizados por personaxes de debuxos animados máis actuais tales como Peppa Pig, Spiderman, Superman...
Estes e outros personaxes de ciencia ficción, foron recreados nunha actividade impresa na que acompañamos a composición final con adhesivos de ARIS, a mascota coa que neste curso viaxamos a épocas pasadas da nosa historia.


Sen lugar a dúbidas, a lectura de contos na nosa aula suscita a participación nun amplo abano de actividades que nos permiten interiorizar o relato e clarificar o sucedido no inicio, nó e desenlace, tamén actividades de expresión plástica debuxando o noso personaxe favorito ou aquela secuencia que máis nos impactou, formulamos hipóteses para desenvolver a creatividade e imaxinación... e un senfín de actividades que contribúen ao noso desenvolvemento integral propiciando un achegamento ao traballo das 8 competencias básicas establecidas pola UNESCO.
E que mellor maneira que conmemorar o “Día do Libro”, que cunha nova ficha de lectura para a actividade do préstamo semanal?... Nome e apelidos, título do conto, autor, ilustrador, número de páxinas, editorial, colección, protagonista e o que máis nos gustou... ah!, sin esquecernos do debuxo da secuencia do conto máis fascinante... uf, a estas fichas non lles falta detalle!...


Agora ben, como contrapartida, sinalar que os contos de préstamo son os mellores do mundo mundial, xa que por fin levamos para as nosas casas os contos da Colección Leo con Disney (Edit. Everest), uns contos actuais cos personaxes Disney de toda a vida... fantástico! O primeiro contacontos do trimestre será LOIS que escolleu: Pepito y Pinocho. (Edit. Everest)
Xa vedes que maneira de comezar este terceiro e derradeiro trimestre do curso... e iso que non acabamos máis que comezar!!!...
Un saúdo acompañados de lectura e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

1 comentarios:

Profe J.Ricardo dijo...

Este mércores fará de contacontos:

- LOIS: "Pepito y Pinocho" (Edit. Everest)

Esta semana incorporamos a lectura e escrita en letra enlazada en pauta do grafema /F/.