Bienvenido

PEGADAS DE LOBO.

viernes, 28 de marzo de 2014

E para rematar este segundo trimestre... que mellor xeito que facelo vivindo coma indios?...
Siii, durante estas derradeiras semanas de trimestre, redescubrimos como vivían os indios de Norteamérica, uns vellos coñecidos que traballaramos cando tiñamos 3 anos.
Así pois, coa vida e costumes dos indios como eixo motivador, tratamos os animais e as plantas, coñecendo mellor algunhas das súas características, o medio en que se desenvolven, a súa forma de desprazamento, a súa reprodución e alimentación, os benefícios que nos reportan e o que dependemos deles, aprendendo a valoralos, non só pola súa utilidade, senón porque son seres vivos necesarios e útiles para o equilibrio natural.
Para comezar, e coñecedores das repercusións na estimulación do cerebro, da aprendizaxe e da memoria dos “Bits de Intelixencia”, de novo convertíronse nun recurso didáctico excepcional que propiciaron un reencontro cos indios.



Asemade, tamén revivimos con ARIS o conto da unidade; unha historia na que a nosa mascota vestida de india e cunha vincha de plumas coñece a un neno síux que debe pasar unha proba para demostrar a súa valía coma indio.


Tras estas e outras moitas actividades, aprendemos que hai moitos anos, América do Norte só estaba habitada por moitas TRIBOS de indios: apaches, cherókees, navahos, síux, cheiéns, Pés Negros, comanches... cada unha delas con xeitos de vida moi diferentes.
Algunhas destas tribos eran de agricultores e vivían en aldeas. Outras vivían da caza do bisonte e mudábanse buscando comida.
En moitas tribos, gobernaba un consello formado polos líderes de cada grupo familiar. Este consello elixía un GRAN XEFE que debía facerse cargo de que toda a súa tribo tivese alimento e estivese a salvo de perigos.
Os indios vivían en TIPIS, tendas feitas de pel de animal moi fáciles de desmontar e transportar. Se a porta do tipi estaba aberta, todo o mundo era benvido. Se estaba pechada, debías abrir cos teus dedos a porta ou chamar ao dono do tipi e agardar a que che deran permiso para entrar.


Nembargantes, os indios que vivían do cultivo da terra construían casas e formaban poboados. Algúns facían casas de madeira e outros de adobe ás que se entraba por unha escada.
A caza do BISONTE era fundamental para moitos indios porque se alimentaban da súa carne, empregaban a pel para vestir e facer as súas vivendas, e os cornos para confeccionar armas.


Posteriormente, cando tiveron cabaloS, os indios fixéronse excelentes xinetes e a caza fíxose máis doada. Máis adiante, ademais do cabalo, os indios empregaban canoas para saír a pescar ou ir dun lado ao outro.
Os indios facían unhas esculturas de madeira de moitas cores que se chaman tótems onde narraban a historia de cada familia ou tribo. Quen non se lembra do tótem recreado cando tiñamos 3 anos?... Canto medrou esta tribo india!


Uf!... todos estes coñecementos adquiridos a través da proposta de traballo desenvolta durante estas semanas, decidimos plasmalos en diferentes actividades impresas nas que non faltaron debuxos libres e sen modelo dos indios: xefes indios, tipis e vaqueiros... canta imaxinación!


Por outra banda, a proposta de traballo desta unidade de programación, encamiñouse a tratar paralelamente diferentes conceptos da vida dos seres vivos sobre os que profundaremos o vindeiro curso, xa que de momento aínda nos resultan un tanto complicados: coñecimos as funcións de nutrición, relación e reprodución dos seres vivos, diferenciamos algunhas das características existentes entre seres vivos e seres inertes, identificamos e clasificamos aos animais segundo o seu tipo de alimentación -animais herbívoros e carnívoros- e segundo o seu tipo de reprodución -animais ovíparos e vivíparos-... ao tempo que progresivamente asumimos responsabilidades para o coidado de animais e plantas.
E tras unha semana repleta de traballo, xa hoxe venres, tocou disfrutar un curso máis da visita de Álex e Patricia, dous contadores de contos da editorial Kalandraka que nos presentaron algunhas das últimas novidades desta editorial que publica ”Libros para Soñar”... Resultou unha viaxe chea de música e de palabras para a que non precisamos nin coches, nin barcos, nin avións. Tan só deixar voar a nosa imaxinación... unha experiencia fantástica!



Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

1 comentarios:

Profe J.Ricardo dijo...

Este venres fará de contacontos:

- DANIELA: "El gigante de Germán" (Edit. Algar)

Esta semana incorporamos a lectura e escrita en letra enlazada en pauta do grafema /C/.