Bienvenido

O MEU VECIÑO CAMILIÑO JOSESIÑO.

viernes, 7 de febrero de 2014

Esta semana tivemos entre nós, na nosa clase, un novo compañeiro: Camiliño Josesiño. Como, que non sabedes de quen se trata?...
Camiliño Josesiño, como lle chamaba a súa nai e a súa tia, é Camilo José Cela.
Desta maneira, e da man de dous dos encargados da Fundación Camilo José Cela -Electra e Fran- descubrimos e aprendimos dun xeito ameno e divertido diferentes aspectos vencellados á vida e obra deste prolífico autor nado moi preto de Rianxo, en Padrón.
Así pois, os días previos á visita, no Encerado Dixital Interactivo (EDI), vimos e limos o conto: O meu veciño Camiliño Josesiño, descubrindo algúns datos biográficos deste escritor galego.
Descubrimos e aprendimos que vivía en Iria Flavia a carón da vía do tren e que o que máis lle gustaba era escribir a todas horas e en todas partes ata chegar a escribir máis de 100 libros... uf, case nada!
Na primeira das tres sesións de traballo organizadas pola Fundación, coñecimos algúns dos premios concedidos a Camilo José Cela, destacando un dos máis importantes da súa carreira: o Premio Nobel que se atopa exposto no seu museo de Padrón.


Asemade, e como escritor de tantos libros de todas as cores, grosores e tamaños, centrámonos nunha das novelas máis emblemáticas da súa carreira: La Colmena; un libro gordecho, moooi gordecho e que poderemos ler cando sexamos un chisquiño máis maiores.


Xa o martes, na segunda sesión, fixemos actividades de lectura e escritura a partir do xogo coa “Casa das Letras”. Entusiasmados e coa lección ben aprendida de como nos debiamos comportar, recibimos a Electra e a Fran que nos traian unha sorpresa fantástica... Tratábase da casa na que vivía Camiliño Josesiño, unha casa na que as paredes e o teito estaban cheos de letras, unha casa na que de tantas palabras que había, saian pola cheminea!










Empregando como apoios realistas uns títeres, revivimos capítulos da infancia de Camiliño Josesiño e o vínculo especial que tivo cun galo que o acompañaba a todas partes para evitar os ataques do raposo.


Bufariñento, que era así como se chamaba o galo, era un animal diferente, un galo especial, xa que según nos contaron, alimentabase de letras, sendo as súas favoritas as letras minúsculas... que casualidade, unha das nosas especialidades! Así que, con lápis e papel, recreamos o noso Bufariñento rodeado de mil millóns de letras de tódolos tamaños e cores...


Hoxe venres, na derradeira sesión, e como o prometido é débeda, Electra e Fran trouxéronnos unha sorpresa tan tan tan grande como Fran. Era un teatrillo de monicreques co que dramatizaron a historia de Camilo José Cela con Armando Mondéjar. Foi unha historia ben divertida da que non perdemos detalle e na que aproveitamos para interaccionar cos títeres protagonistas.




E para rematar... que mellor que facelo creando o noso títere de dedo de Camilo José Cela ou de Armando Mondéjar?... Quedou estupendo!...



Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

1 comentarios:

Profe J.Ricardo dijo...

Este venres fará de contacontos:

- RODRIGO: "De cores e de amores". (Edit. Galaxia)

Esta semana incorporamos a lectura e escrita en letra enlazada en pauta do grafema /T/.