Bienvenido

A PRAZA DO CASTELO.

viernes, 21 de febrero de 2014

Durante estas semanas, a través do conto motivador da unidade “Susto no mercado”, traballamos a Idade Media; unha época que nos serviu para descubrir e coñecer como eran os castelos e as cidades, como vivían as persoas, quen eran e que facían os cabaleiros, como eran as rúas e as tendas, as cidades cos seus mercados...
Para comezar, e coñecedores das repercusións na estimulación do cerebro, da aprendizaxe e da memoria dos “Bits de Intelixencia”, de novo convertíronse nun recurso didáctico excepcional que propiciaron un primeiro achegamento á época medieval.


Na Idade Media o centro da vida era o castelo que se construía nun lugar alto como medida de protección ao ser lugares de fácil defensa e difícil ataque. O señor e a súa dama eran os donos do castelo e de todas as terras que hai arredor.


Este descubrimento, axiña o extrapolamos ao castelo do País das Letras que semana a semana enchemos cos seus personaxes. Esta semana, non podia ser outro que o porteiro LL, o habitante encargado de pechar e abrir as cincuenta portas do castelo onde viven o rei U e a raíña A xunto cos seus fillos.


Nos castelos medievais vivía moita xente, o señor e toda a súa familia, ferreiros, carpinteiros, cociñeiros, criados... e estaban constituídos por diferentes partes.
A torre da homenaxe onde viven o señor e a súa familia, estaba formado pola adega, os almacéns e cociña, a sala de lecturas, o gran salón, os dormitorios e as ameas onde vixiaban os cabaleiros de posibles ataques.













En ocasións especiais, no castelo dábase un banquete onde os bufóns e os xograres entretiñan, respectivamente, con xogos e contos e con cancións e historias.


Arredor do castelo estaban a aldea e as terras que traballaban os campesiños onde cultivaban trigo e centeo que recollían a man.
Do mesmo xeito, o centro da vida da cidade era o mercado onde o ferreiro, o panadeiro, o vendedor de especias, o artesán, o queixeiro, o perfumista... vendían os seus produtos.


Todos estes descubrimentos, acadámolos tras a realización de diferentes actividades de aprendizaxe no libro de ARIS ao tempo que no rincón de biblioteca percorriamos os pasadizos segredos e os corredores dos castelos que se ilustraban nos libros de información aportados por ROI e FROILÁN sobre a época medieval e a vida nos castelos.


Pero sen lugar a dúbidas, os personaxes medievais que suscitaron maior interese foron os cabaleiros que, vestidos con armaduras moi pesadas, loitaban coma auténticos guerreiros contra os inimigos da época.

































Como peza fundamental dos cabaleiros, coñecimos a armadura que se empregaba para protexer o corpo nos combates, torneos ou adestramentos composta polo escudo, o helmo e a túnica.


Todos estes coñecementos adquiridos a través da proposta de traballo desenvolta durante estas semanas, quedaron plasmados en diferentes actividades impresas nas que non podían faltar os debuxos libres e sen modelo sobre a Idade Media. Uns debuxos onde os cabaleiros e os dragóns máis feroces ocupan un lugar indispensable... canta imaxinación!















Por outra banda, a proposta de traballo desta unidade de programación, asemade encamiñouse a profundar nos coñecementos que xa temos sobre a rúa e as tendas, as normas de seguridade viaria e as características e utilidades dos diferentes comercios, valorando a utilidade dos diferentes tipos de comercios e dos lugares de lecer e tempo libre: biblioteca, cine, teatro, polideportivo...
Esta situación, serviunos para conversar acerca do comportamento que debemos ter en espazos públicos: debemos camiñar polas rúas da man dun adulto, sempre se debe cruzar a rúa polo paso de cebra ou paso de peóns respectando o semáforo e mirando a ambos os dous lados da rúa para evitar accidentes...
Tamén a través da obra de arte de Camille Pissarro “Festa pública en setembro, Pontoise”, tratamos de establecer as diferenzas entre a aldea e a cidade, recreando o conto da unidade no que se narra a aventura de ARIS nun mercado medieval no que coñece ao perfumista Rodrigo e ao seu mono Horacio.


Agora xa, esta semana, comezan as antroidadas da man dun Toribiño que trae máis ganas de troula que nunca... estades preparados?...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

1 comentarios:

Profe J.Ricardo dijo...

Este xoves fará de contacontos:

- JHON MICHAEL: "A cor dos amigos". (Edit. Miniland)

Esta semana incorporamos a lectura e escrita en letra enlazada en pauta do grafema /D/.