Bienvenido

DEREITO Á PAZ.

viernes, 31 de enero de 2014

Un curso máis, o 30 de xaneiro, celebramos o “Día da Paz”, unha actividade conmemorativa que serviu para traballar aspectos vencellados coa Educación para a Paz; unha temática que forma parte dos diferentes momentos da xornada escolar ao longo de todo o curso.
Sen ir máis lonxe, o momento da asemblea matinal de cada día, posibilita o traballo desta temática permitíndonos avanzar progresivamente na escoita atenta ao resto de compañeiros e compañeiras, a respectar as opinións e ideas dos demais, a levantar a man antes de falar..., normas básicas de convivencia e relación social que aínda nos seguen custando un chisquiño.
Día a día, os nosos faladoiros eran máis ricos e froitíferos: torbeliños de ideas previa man levantada -esta semana facíase algo indispensable-, relacionamos o concepto de Paz con conceptos e accións cotiás como: “non pegar”, “recoller”, “cariño”... chegando entre todos e todas moi acertadamente á conclusión de que a Paz é algo máis que a ausencia de guerra.
Todo isto, en máis dun momento desta semana resultou máis que nunca unha utopía: seguimos falando a berros, cústanos adaptar o noso comportamento a cada momento da xornada, e mesmo, xa na entrada no momento da fila, aproveitamos para xogar a iso que tanto nos gusta... a pelexar! sen advertir as consecuencias nin controlar os riscos que pode ocasionar.
Todas estas situacións, servíronnos para reflexionar sobre as nosas accións e comportamentos. Así, cando un compañeiro ou compañeira nos pega a solución non é responder do mesmo xeito, que cando é tempo de traballar hai que traballar, que cando hai que estar escoitando non se pode falar... parece que nos quedou todo bastante claro, e que claro, isto de ser os súper-maiores de mandilón implica dar un bo exemplo ao resto de nenos e nenas de Educación Infantil, e moitas veces esquecémonos disto.
Asemade, participamos nunha das actividades propostas a nivel de centro. Este curso, para decorar os corredores do cole, elaboramos o “Tren da Paz” cos 10 Dereitos da Infancia.


Cada tren leva 10 vagóns -un por cada dereito- e cada vagón tiña que levar escrito o dereito correspondente decorado con diferentes materiais e técnicas plásticas.


Á nosa clase, tocounos un dos dereitos máis sinxelos, tendo en conta o traballo realizado durante esta semana: o Dereito á Paz.
Con témpera de cores, rotuladores e purpurina, moooita purpurina, decoramos o vagón número 8 sobre o que voaban unhas curiosas pombas da paz nas que escribimos entre outras palabras: “non pegar patadas”, “traballar”, “compartir”, “axudar”... “amor” e “ser novios”... -destas últimas daremos boa conta nas vindeiras semanas, non vexades o que deu de si o binomio  “amor-novios”-.
Xa para rematar, faltaba por poñer os viaxeiros do vagón. E que mellores viaxeiros que os seus propios creadores...


Como actividade final, o xoves logo do patio, coroa pola Paz incorporada, acudimos ao acto organizado polo Equipo de Actividades Complementarias e Extraescolares.
Este curso, as nosas coroas da Paz lucían debuxos vencellados con esta temática, entre os que por suposto, non podían faltar os símbolos e pombas da Paz traballados en cursos anteriores.















Na pantalla instalada para o evento, un a un fomos coñecendo os vagóns elaborados por todas as clases do cole descubrindo algunha curiosidade do dereito que viaxaba en cada vagón: Dereito á Vida, Dereito á Saúde, Dereito á Educación...
Por outra banda, tamén se aproveitou o acto para facerlle unha homenaxe a un dos Premios Nobel finado recentemente: Nelson Mandela; un home que xunto con outros persoeiros importantes da nosa historia mundial puxeron o seu graniño de area para lograr iso que en moitos lugares segue sendo un soño: a PAZ.
E para rematar este acto... que mellor maneira que mover o esquelete ao ritmo da canción escollida para este curso: Es tiempo de cambiar  de Juanes.


Agora xa, esta semana, mergullarémonos na vida e obra de Camiliño Josesiño. Así que seguide moi atentos ao noso blogue que de seguro vos sorprenderemos...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

1 comentarios:

Profe J.Ricardo dijo...

Este venres fará de contacontos:

- UNAI: "A cidade sen semáforos". (Edit. Miniland)

Esta semana incorporamos a lectura e escrita en letra enlazada en pauta dos grafemas /N/ e /Ñ/.