Bienvenido

COMEZAMOS UN ANINOVO: FELIZ 2014!!!

martes, 31 de diciembre de 2013



BO NADAL!

miércoles, 25 de diciembre de 2013

Moitos de vos estaredes aínda estupefactos e preguntándovos como Papa Nöel entrou nas vosas casas para deixarvos xunto á árbore de Nadal todos os agasallos cos que agora mesmo estaredes disfrutando; senón é así, non vos preocupedes, xa que as Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente abofé que non se esquecerán das cartas que lles entregamos cando viñeron visitarnos ao cole. Para iso, lembrade o que hai que facer na noite de Reis senón queremos que nos pase coma a Martiño…

Neste día tan especial, gustaríame desexar a todos cos que compartín un sorriso, unha bágoa, un soño ou simplemente un momento da vida e deixástedes unha pegada en min que nunca vos falte un soño polo que loitar, un proxecto que realizar, algo que aprender, un lugar onde ir e alguén a quen querer.

OS NENOS E NENAS DE 5 ANOS B DESÉXANVOS UN BO NADAL NO QUE TODOS OS VOSOS SOÑOS E DESEXOS SE CONVIRTAN EN REALIDADE.


A estes desexos de prosperidade, gustaríanos engadir a mensaxe do christmas co que nos agasallaron e sorprenderon unha das clases dos máis pequechos e pequechas do cole, os nenos e nenas de 3 ANOS C e a súa profe, a profe Lourdes... Mil millóns de grazas, es un sol e non deixas de sorprendernos!...


Un saúdo con sabor a turrón de chocolate con améndoas e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

"¡BARBIE, ERES ÚNICA!"

viernes, 20 de diciembre de 2013


Por fin, por fin chegou o día tan agardado do Festival de Nadal, un día repleto de anécdotas e situacións divertidas que puxeron o mellor dos broches posibles a este 1º trimestre de 5 anos.
Como xa vos contaramos, este curso voltou de novo un dos grandes acontecementos do noso colexio: o Festival de Nadal.
Baixo o título “¡Barbie, eres única!”, agochábase a performance que gardamos con secreto ás nosas familias e que con traballo, constancia, entrega e ilusión, moooita ilusión, preparamos pouquiño a pouco, logrando converternos nunhas auténticas súper-stars.
No escenario viveuse unha batalla entre algúns dos nosos bonecos e bonecas favoritas. Estaban dende as bonecas máis clásicas e tradicionais como as Nancy e Baby Nenuco, ata as máis sofisticadas e ultramodernas como as Barbies & Ken e Monster High.


Así pois, cadaquen metido no papel que nos tocou desenvolver no escenario, logramos emocionar a un público sempre entregado ante este tipo de acontecementos... uf, apenas quedaban sitios libres nas gradas do pavillón!...
Estabamos requete-guapísimos, extra-ideais, moi pero que moi presumidos tal e como esixía a performance convertidos nuns encantadores Ken e nunhas namoradizas Barbies... non nos faltaba detalle!... Familias, mil millóns de grazas pola vosa colaboración!


Agora, despois dun 1º trimestre cargado de traballo, actividade e aprendizaxes, chegan as vacacións, pero non perdades de vista o noso blog, xa que agardamos seguir sorprendéndovos tamén durante as vacacións de Nadal.

PEQUENOS EXPLORADORES.

viernes, 13 de diciembre de 2013

Estas últimas semanas de trimestre, emprendimos unha fascinante viaxe ao Antigo Exipto.
Da man de Aris e dun caprichoso faraón, descubrimos como era a vida no Antigo Exipto, a importancia do río Nilo, o proceso de construción das pirámides, como eran os palacios e templos, de que se alimentaban, como coidaban a súa saúde, a escritura...
Unha vez máis, coñecedores das repercusións na estimulación do cerebro, da aprendizaxe e da memoria dos “Bits de Intelixencia”, de novo convertíronse nun recurso didáctico excepcional que propiciaron un primeiro achegamento ao Antigo Exipto e que nos permitiron partir dos nosos coñecementos previos e coñecer aquilo que máis nos interesaba sobre a vida na época dos faraóns. Sen lugar a dúbidas, as momias e as pirámides foron uns temas recurrentes durante o traballo deste sempre interesante centro de interese.



Exipto é a terra das PIRÁMIDES, é o único lugar do mundo onde existen. Mandáronas construír os FARAÓNS e tardaron en construílas moitos, moitos anos porque están feitas pedra a pedra. Algunhas pirámides son tan grandes coma un rañaceos e aínda que por fóra son moi sinxelas, por dentro están cheas de pasadizos, labirintos e cámaras secretas.
Os faraóns eran enterrados con todos os seus tesouros nas cámaras secretas das pirámides. 


O corpo do faraón era perfumado e vendado con teas. Convertíanos en MOMIAS e metíanas en SARCÓFAGOS.
Ademais das pirámides, os exipcios construíron moitos templos. Alí, rogábanlle favores aos seus deuses e levaban obxectos ou alimentos como ofrenda. Algúns dos deuses e deusas máis importantes foron: Ra, Amón, Osiris, Anubis, Isis e Horus.


A fonte de vida no Antigo Exipto era o RÍO NILO que utilizaban como vía de comunicación e transporte.
Sabiades como escribían os exipcios?... Con XEROGLÍFICOS. Só uns poucos sabían escribir en xeroglíficos: eran os escribas que estudaban moito para ter este traballo. Ao principio, escribían en pedras e nas tumbas. Logo, aprenderon a fabricar un tipo de papel: o PAPIRO.
Todos os coñecementos adquiridos a través da proposta de traballo desenvolta durante estas semanas, quedaron plasmados en variadas actividades impresas nas que non podían faltar os debuxos libres e sen modelo sobre o Antigo Exipto. Uns debuxos nos que, como non podía ser doutro xeito, as pirámides, crocodilos e faraóns ocupan un lugar indispensable... canta imaxinación!


Paralelamente, a partir deste centro de interese, coñecimos e completamos contidos que non traballaramos en cursos anteriores sobre os alimentos e o corpo humano, recoñecendo algúns ósos e articulacións, os síntomas de enfermidades comúns e a súa prevención, profesionais relacionados coa saúde...
Deste xeito, nas asembleas matinais, conversamos sobre os distintos tipos de profesións e profesionais relacionados coa saúde, comentamos a utilidade dalgúns instrumentos e utensilios relacionados coa profesión de médico, coñecimos e diferenciamos segmentos e articulacións do noso corpo, así como distintos órganos internos como o corazón e os pulmóns... valorando a alimentación saudable como un dos alicerces fundamentais para conseguir unha boa calidade de vida.
Todo este traballo complementouse nos momentos de xogo libre nos rincóns cunha nova adquisición: o novo kit para o rincón de xogo simbólico co que nos convertemos en médicos aos que non lles faltan detalle: termómetro, xiringa, fonendoscopio, gasas...


Uf!... Esta semana será total!... arquivaremos e levaremos para a casa todos os traballos elaborados ao longo do trimestre, recibiremos a visita das Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente e por fin compartiremos con todas as nosas familias o saboroso CHICLE COSMOS que con tanto entusiasmo preparamos durante estas derradeiras semanas de trimestre... non podedes faltar!... agardámosvos!...


Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

DIN, DON, DAN... É A HORA DE SOÑAR!

viernes, 6 de diciembre de 2013

Como pasa o tempo!... xa estamos en decembro a piques de rematar o 1º trimestre.
Este mes de decembro no cole é moi especial xa que trae consigo variadas e divertidas sorpresas que agardamos durante todo o ano e que, dado o cúmulo de experiencias que suscitan, atópanse moi presentes nas nosas conversas do resto do curso: a lectura de contos de Nadal, os últimos aniversarios do ano -tranquilo LOIS que xa falta menos-, os ensaios do Festival e o “Calendario de Adviento”.
Siii, este curso volta de novo un clásico do noso cole... temos o tan ansiado Festival de Nadal que tanto interese e entusiasmo suscita para as nosas familias. Estamos traballando arreo, o profe deu no clavo coa selección da canción e incluso cando estamos realizando o traballo individual de cada día lle pedimos eufóricos que a poña no ordenador unha e outra vez. O venres 20 de decembro ás 10:00h. da mañá será o gran día no que compartiremos con todas as nosas familias un saboroso CHICLE COSMOS... A nosa actuación irá adicada con todo o cariño do universo mundial para as nosas familias... sodes únicas!


Por outra banda, este luns 2 decembro, o profe trouxo tal e como nos anunciara e prometera a semana pasada, o tan agardado “Calendario de Adviento”.
Deste xeito, intrigados pola ilustración que aparecería no calendario deste curso, descubrimos que non se trataba nin de Dora La Exploradora, nin das Monster High, ni tan sequera de Pocoyó... -os días previos, o profe alimentara a nosa curiosidade dicíndonos a modo de pista que se trataba duns dos nosos debuxos favoritos-...
Pois claro, de quen se ía tratar?... Nada máis e nada menos que de... Peppa Pig... we love Peppa Pig!!!...


Cada mañá, o súper-encargado abre a portiña do día correspondente e come a deliciosa chocolatina tras descubrir o debuxo que se agocha en cada unha das súas ventas... mmm!



Esta rutina cotiá, un curso máis, proporciona distintas situacións de ensinanza-aprendizaxe que non deixamos escapar, pois ademais de realizar actividades relacionadas coa lóxica-matemática tales como contar, sumar, restar, identificar o número do día no que nos atopamos… propicia multitude de conversacións sobre esta data que tan especial resulta para os máis pequenos e para os que non son tan pequenos... a que si?...
Asemade, o súper-encargado/a de cada día gorro de Papa Noel incorporado, escribe en letra maiúscula ou minúscula as palabras que vai indicando o profe e que, na medida do posible están vencelladas co Antigo Exipto, centro de interese que estamos traballando.
E é que este curso, a nosa carta ás Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente, deberá ir escrita en letra minúscula para que nos traian cousas de súper-maiores; así que nestes días xa comezamos a pensar que cousas nos gustaría que nos trouxeran para o cole... uf, que complicado! Admítense suxerencias!...

Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!