Bienvenido

DO, RE, MI... LE UN LIBRO E SÉ FELIZ!

viernes, 25 de octubre de 2013

Esta semana, participamos en varias actividades que nos serviron para identificar e valorar a biblioteca escolar e de aula como unha fonte de coñecemento, información e disfrute.
En primeiro lugar, o luns tivo lugar a inauguración oficial da biblioteca do noso centro.
Este curso, dende o “Equipo de Biblioteca”, decidiuse traballar dous eixos temáticos diferenciados aínda que interconectados entre si: a música e as emocións... uf, case nada!
Para iso, a semana pasada a Xouba Castelao, a nosa mascota da biblioteca, enviounos unha carta na que solicitaba a nosa axuda para atopar un lema para a campaña deste curso.
Do mesmo xeito, como actividades motivadoras ao día da inauguración, na clase elaboramos cadanseu títere de pau, en tanto que os títeres en Educación Infantil convírtense nun recurso valiosísimo con grandes posibilidades para, entre outras cousas, a expresión de emocións e sentimentos.
No ordenador, vimos todos os títeres que traia preparados o profe: sereíñas, súper-heroes, pantasmas, dragóns... Foi unha elección complicada, xa que había un montón de personaxes e todos ou case todos nos gustaban, así que para poder tomar unha decisión persoal segura, vimos varias veces a presentación de cada títere.
Como dato anecdótico, destacar que cada un de nós elixiu aquel personaxe que máis lle gustou, non deixándose influenciar polo que escollía o seu amiguiño ou amiguiña… moi ben, así se fai!


Xa o día da inauguración, e antes de entrar á biblioteca, unha parada obrigada: a porta da nosa biblioteca, que se establece como unha chave máxica que nos permite a entrada a un mundo distinto; o mundo da fantasía, da imaxinación e das sorpresas.
Este curso, a porta da nosa biblioteca luce unha fantástica ilustración de Leandro Lamas que se irá transformando a medida que se vaian sucedendo as diferentes celebracións do curso escolar: samaín, magosto, nadal, antroido...



Xa dentro da biblioteca, lembramos as normas de obrigado cumprimento cada vez que estamos na biblioteca facendo especial fincapé en falar moi baixiño.
Asemade, os nenos e nenas de Educación Primaria, axudándose dun panel, relatáronnos Contín e Contón de Antón Cortizas e ilustrado por Leandro Lamas.
E para rematar... bailamos con cadanseu títere ao son da música de Giussepe Verdi, aproveitando que este ano é o bicentenario do seu nacemento.


Se o luns acudiamos á inauguración oficial da biblioteca do cole, o venres celebramos a nivel de centro o “Día Internacional das Bibliotecas”.
E que mellor xeito de comezar a traballar a música e as emocións que cantando e danzando...
Así, durante estas semanas, cada ciclo preparou unha canción extraída do CD Meniños Cantores.


Os nenos e nenas de 1º Ciclo de Educación Primaria deleitáronnos con E ti telo, telo, os de 2º Ciclo con O Verdegaio e os de 3º Ciclo con Regueifa.
A nós, aos nenos e nenas de Educación Infantil tocounos unha versión de O Pirimpimpim, que tivemos que ilustrar para decorar o recuncho literario da entrada do pavillón sur e que ANDREA e LOIS ensinaron ao resto de nenos e nenas do colexio.


Neste acto, tamén se anunciou o gañador do lema para a campaña deste curso. Familias, a Xouba Castelao e os seus colaboradores e colaboradoras tivérono moi difícil, decantándose finalmente polo lema da clase da profe Laura (2ºC): 
“DO, RE, MI... LE UN LIBRO E SÉ FELIZ!”
Asemade, tamén se presentou o cartel divulgativo co que cada curso Bibliotecas Escolares de Galicia pretende facer visible as distintas posibilidades da biblioteca escolar. 
O lema elixido por Bibliotecas Escolares de Galicia para este curso 2013-2014, “LER CIENCIA NA BIBLIOTECA ESCOLAR”, trata de sensibilizar sobre a importancia da lectura de textos de carácter científico, de textos divulgativos ou de textos literarios que tratan temas relacionados coa ciencia. A ilustración é de Patricia Castelao.
Este curso, xa o sabedes... Do, Re, Mi... le un libro e sé feliz!
Un saúdo acompañados de lectura e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

1 comentarios:

Profe J.Ricardo dijo...

O vindeiro venres 8 de novembro fará de contacontos:

- DANIELA: "Los duendes Dindón y Daniela". (Edit. Vicens Vives)

Lembrade que a cartilla de lectura de "O País das Letras" terá que ir e vir cada venres na carpeta da actividade do préstamo semanal.