Bienvenido

DE ROTEIRO TURÍSTICO COS BOLECHAS...

viernes, 18 de octubre de 2013


Case nada!... O martes fomos un cole moi afortunado, pois tivemos nada máis e nada menos que a visita de Pepe Carreiro. 
Como??... Que non sabedes quen é Pepe Carreiro??...
Pepe Carreiro é escritor, debuxante e ilustrador infantil creador da serie Os Bolechas.
Quen non coñece a Carlos, Loli, Pili, Braulio, Sonia, Tatá  e Chispa?...


Os Bolechas son dende fai máis de 10 anos a revelación editorial en Galicia e son, á súa vez, os protagonistas da máis importante e exitosa serie da nosa literatura infantil. Con máis de 200 títulos publicados e preto de 1.000.000 de exemplares distribuídos, o seu éxito débese a que os seus protagonistas viven aventuras nas situacións e realidades cotiás infantís: a escola, a casa, o parque, o autobús, a praia...
Ademais, Os Bolechas son cultura raíz e contribúen á divulgación e a formación, mediante o lecer e o divertimento.
Os días previos á visita de Pepe Carreiro, mergullámonos unha vez máis no mundo Bolechas: lembramos o nome dos Bolechas e do seu can, explicamos cal é o Bolecha e a historia que máis nos gusta...
Indubidablemente, Tatá e Chispa son os Bolechas que máis seguidores teñen na nosa clase.
Tatá é o máis pequeno da familia (9 meses); aínda non fala, nin anda; é un bebé pouco dado as andrómenas propias da súa idade; curioso; a súa compañía inseparable é o chupete e lévase ben con Chispa, -se cadra, porque ningún dos dous fala-.
Pola súa banda, Chispa, é un can de raza husky siberiana; anda sempre entre os donos e con Carlos, o máis maior dos 6 irmáns; a súa presenza, aínda que discreta, faise notar.
Asemade, e aproveitando a inminente visita no cole do seu creador, decidimos, nas asembleas matinais, acordar entre todos e todas que cousas nos gustaría preguntarlle a Pepe Carreiro, e claro, as preguntas de quen lle ensinara a debuxar e cal era o seu Bolecha favorito non podían faltar.
Pero... a que viña o “pai dos Bolechas” ao noso cole?... pois viña presentar o derradeiro roteiro turístico dos Bolechas polas terras de Barbanza, unha historia que nos serve para redescubrir algúns dos principais recursos turísticos da nosa comarca.


Os Bolechas veñen de excursión ao Barbanza cunha amiga, Carme, e coa súa gata Larafuzas. Para darlle a merenda á gata, os seis irmáns Bolechas, Chispa, Carme e Larafuzas terán que embarcarse nunha dorna e percorrer a comarca na busca do manxar preferido da mica: xoubas.
Nesta fantástica aventura, os Bolechas pasarán por algúns dos lugares máis fermosos de Riveira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e... Rianxo!
Un mapa ao inicio do libro permite situar os principais monumentos e lugares de interese destes catro concellos, algúns moi coñecidos, como as Dunas ou o Faro de Corrubedo, e outros non tanto, como o hórreo de Araño, o Castelo da Lúa ou a ermida de San Ramón de Bealo.
No tempo que durou a visita, Pepe Carreiro contounos a viaxe dos Bolechas por terras rianxeiras, ao tempo que nun enorme folio trazaba con lápis e rotulador de cor negra garabatos entre os que resultaron: Tatá, Carlos e Chispa... sorprendente!


Agora ben, Pepe Carreiro tamén quedou sen palabras ao ver a exposición de debuxos que, os días previos á súa visita, preparamos os nenos e nenas de 4 e 5 anos... velaí van os nosos, un traballo excelente!


Como mostra de agradecemento, Pepe Carreiro deixou a súa pegada no “Libro de Visitas” da biblioteca, un debuxo de Tatá ao máis puro estilo A.D.R. Castelao con gafas e sombreiro incluído...


Os días posteriores, a nova da visita de Pepe Carreiro quedou reflectida na edición de Barbanza de “La Voz de Galicia” con dúas fotografías -xa na mesma portada do xornal e nas páxinas interiores- onde puidemos vernos embelesados ollando o dominio de Pepe Carreiro co lápis e co rotulador... todo un artista!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

4 comentarios:

Profe J.Ricardo dijo...

Este venres fará de contacontos:

- MENCÍA: "La isla de tía Lola". (Edit. Vicens Vives)

Anónimo dijo...

- Que ilusión !!!! Pepe Carreiro, o dos Bolechas na Biblio

Anónimo dijo...

Queria informarme si o libro do pais das letras aino q levar o viernes porque eu inda non llo mandara forrado pero rodri dixome q xa tina q ler a u e eso estamos o q quero e saber si o leba viernes

Profe J.Ricardo dijo...

Rodrigo ten razón. O libro de lectura de "O País das Letras" virá cada venres na carpeta do préstamo semanal para utilizar como material de mostra para traballar a caligrafìa enlazada en pauta. Esta semana comezamos co Rei U.