Bienvenido

COMEZAMOS DICINDO... BOS DÍAS!!!

viernes, 27 de septiembre de 2013

Tras a semana grande de festas da nosa vila na honra da Virxe de Guadalupe, agora si que si podemos dicir que comezou o cole e, logo de disfrutar dunha semana extra de vacacións, estes días aproveitamos para lembrar algunhas das normas e rutinas que rexen a vida da nosa aula; despois de tanto tempo algunhas estaban xa case esquecidas.
Asemade, esta semana comezamos introducindo progresivamente algunha rutina nova, especialmente no momento da asemblea... si señor, unha asemblea totalmente de súper-maiores!
Así que estade moi atentos e silenzo que, a través do noso blogue farémosvos partícipes do que faremos cada día nas asembleas matinais de súper-maiores...
Comezamos coa posta e abotoado correcto do mandilón. Aquí, xa se apreciaron algúns que outros problemas, especialmente os primeiros días nos que non atopabamos as mangas, os ollais... e ata algún de nós puxo o mandilón a modo de carapuchiña vermella como cando estabamos en 3 anos!
Xa logo, na liña vermella, damos os “bos días” ao resto de compañeiros e compañeiras e ao profe, e para ir espertando, cantamos a canción dos “Buenos Días”.
Como dato anecdótico, este curso chamounos á atención a liña vermella. Trátase dunha liña vermella máis longa que nunca, xa que o panel de rutinas mudou de sitio e a partir de agora estará situado enriba dos percheiros. Máis adiante, explicarémosvos que haberá moi pronto no lugar da “outra asemblea”.
Antes de nomear o súper-encargado, o profe designa os “coordinadores de equipo”, cuxa misión é a de coller e recoller os estuches e os botes dos rotuladores, así como de repartir os libros prestando moooita atención aos nomes para non equivocarse, especialmente neste curso no que todo estará escrito en letra enlazada... paciencia...
Pero sen lugar a dúbidas, o verdadeiro protagonista da  asemblea é o súper-encargado.


Son múltiples e variadas as funcións do súper-encargado:
  • elixe a pegatina para que o mandilón do profe esté ben bonito,
  • realiza a fichaxe de ausencias e presenzas dos nenos e das nenas e fai o reconto final,
  • este curso seguiremos coa realización de sumas cada vez máis difíciles, e iniciarémonos na realización de restas... uf!, isto si que nos vai a custar...
  • logo escribe o seu nome e apelidos, así como tamén o nome da mascota (ARIS) e outras palabras que resulten sinxelas. O profe explicounos que de momento seguiremos escribindo en letra maiúscula, ata que collamos a soltura suficiente no trazo da letra enlazada en pauta... polo momento que non cunda o pánico,... tranquilidade!
  • tamén escribe as letras do abecedario que o resto de compañeiros e compañeiras van ditando, os números, -este curso iremos un pouquiño máis aló do número 9-,
  • realiza a constatación do tempo atmosférico e consigna os resultados no panel do coello espacial,

  • cantamos e mimamos a archi-coñecida canción de “Los días de la semana” e recitamos un a un os 12 meses do ano tomando como referencia os vagóns do tren dos aniversarios,
  • elixe que neno ou nena irá de primeiro na fila de comedor...
Como privilexio, neste curso, no momento destinado ao xogo libre nos rincóns, o súper-encargado xogará ao ordenador cos xogos interactivos de ARIS.
Na asemblea, ademais de todas estas tarefas, entre todos e todas contamos dende o número 1 “hasta el infinito y más allá” dependendo do día, logo, un de nós sae a escribir no encerado o número ata o que chegamos cada día.
Como colofón final, o profe organiza a xornada de cada día: explica que actividade ou actividades levaremos a cabo, os especialistas...
Todas estas son as tarefas que, de xeito sistemático e cotiá, levaremos a cabo durante este curso no momento da asemblea, nalgúns casos acompañadas de cancións que nos lembran o inicio ou remate dunha actividade.
Pero é que durante esta semana, tamén levamos a cabo as nosas primeiras actividades impresas que lle serven ao profe para realizar unha avaliación inicial acerca dos nosos coñecementos, acerca das nosas aprendizaxes, daquilo que lembramos e do que non... e así poder actuar en consecuencia durante as vindeiras semanas.
As actividades impresas destes días, deixaron en evidencia que tooodo este tempo de vacacións fixo estragos e máis dun non se lembra como se traza seguindo a direccionalidade correcta o número..., lle faltan letras ao seu nome cando nos toca escribilo nas fichas, e mesmo voltamos a colorear como cando estabamos en 3 anos... Tranquiiilos, non pasa nada, son os primeiros días tras a volta das vacacións de verán e axiña voltaremos a ser os de sempre... súper-incribles!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

1 comentarios:

Profe J.Ricardo dijo...

Esta semana comezamos a actividade do préstamo semanal.
Segundo o panel da asemblea, fará de primeiro contacontos do curso:
- FROILÁN: "El fantasma blanco". (Edit. Anaya)