Bienvenido

COMEZAMOS DICINDO... BOS DÍAS!!!

viernes, 27 de septiembre de 2013

Tras a semana grande de festas da nosa vila na honra da Virxe de Guadalupe, agora si que si podemos dicir que comezou o cole e, logo de disfrutar dunha semana extra de vacacións, estes días aproveitamos para lembrar algunhas das normas e rutinas que rexen a vida da nosa aula; despois de tanto tempo algunhas estaban xa case esquecidas.
Asemade, esta semana comezamos introducindo progresivamente algunha rutina nova, especialmente no momento da asemblea... si señor, unha asemblea totalmente de súper-maiores!
Así que estade moi atentos e silenzo que, a través do noso blogue farémosvos partícipes do que faremos cada día nas asembleas matinais de súper-maiores...
Comezamos coa posta e abotoado correcto do mandilón. Aquí, xa se apreciaron algúns que outros problemas, especialmente os primeiros días nos que non atopabamos as mangas, os ollais... e ata algún de nós puxo o mandilón a modo de carapuchiña vermella como cando estabamos en 3 anos!
Xa logo, na liña vermella, damos os “bos días” ao resto de compañeiros e compañeiras e ao profe, e para ir espertando, cantamos a canción dos “Buenos Días”.
Como dato anecdótico, este curso chamounos á atención a liña vermella. Trátase dunha liña vermella máis longa que nunca, xa que o panel de rutinas mudou de sitio e a partir de agora estará situado enriba dos percheiros. Máis adiante, explicarémosvos que haberá moi pronto no lugar da “outra asemblea”.
Antes de nomear o súper-encargado, o profe designa os “coordinadores de equipo”, cuxa misión é a de coller e recoller os estuches e os botes dos rotuladores, así como de repartir os libros prestando moooita atención aos nomes para non equivocarse, especialmente neste curso no que todo estará escrito en letra enlazada... paciencia...
Pero sen lugar a dúbidas, o verdadeiro protagonista da  asemblea é o súper-encargado.


Son múltiples e variadas as funcións do súper-encargado:
  • elixe a pegatina para que o mandilón do profe esté ben bonito,
  • realiza a fichaxe de ausencias e presenzas dos nenos e das nenas e fai o reconto final,
  • este curso seguiremos coa realización de sumas cada vez máis difíciles, e iniciarémonos na realización de restas... uf!, isto si que nos vai a custar...
  • logo escribe o seu nome e apelidos, así como tamén o nome da mascota (ARIS) e outras palabras que resulten sinxelas. O profe explicounos que de momento seguiremos escribindo en letra maiúscula, ata que collamos a soltura suficiente no trazo da letra enlazada en pauta... polo momento que non cunda o pánico,... tranquilidade!
  • tamén escribe as letras do abecedario que o resto de compañeiros e compañeiras van ditando, os números, -este curso iremos un pouquiño máis aló do número 9-,
  • realiza a constatación do tempo atmosférico e consigna os resultados no panel do coello espacial,

  • cantamos e mimamos a archi-coñecida canción de “Los días de la semana” e recitamos un a un os 12 meses do ano tomando como referencia os vagóns do tren dos aniversarios,
  • elixe que neno ou nena irá de primeiro na fila de comedor...
Como privilexio, neste curso, no momento destinado ao xogo libre nos rincóns, o súper-encargado xogará ao ordenador cos xogos interactivos de ARIS.
Na asemblea, ademais de todas estas tarefas, entre todos e todas contamos dende o número 1 “hasta el infinito y más allá” dependendo do día, logo, un de nós sae a escribir no encerado o número ata o que chegamos cada día.
Como colofón final, o profe organiza a xornada de cada día: explica que actividade ou actividades levaremos a cabo, os especialistas...
Todas estas son as tarefas que, de xeito sistemático e cotiá, levaremos a cabo durante este curso no momento da asemblea, nalgúns casos acompañadas de cancións que nos lembran o inicio ou remate dunha actividade.
Pero é que durante esta semana, tamén levamos a cabo as nosas primeiras actividades impresas que lle serven ao profe para realizar unha avaliación inicial acerca dos nosos coñecementos, acerca das nosas aprendizaxes, daquilo que lembramos e do que non... e así poder actuar en consecuencia durante as vindeiras semanas.
As actividades impresas destes días, deixaron en evidencia que tooodo este tempo de vacacións fixo estragos e máis dun non se lembra como se traza seguindo a direccionalidade correcta o número..., lle faltan letras ao seu nome cando nos toca escribilo nas fichas, e mesmo voltamos a colorear como cando estabamos en 3 anos... Tranquiiilos, non pasa nada, son os primeiros días tras a volta das vacacións de verán e axiña voltaremos a ser os de sempre... súper-incribles!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

ESTE COLE SI QUE MOLA!

viernes, 13 de septiembre de 2013

Siii, hoxe comezou de novo o cole tras as vacacións de verán e, aínda que pasaron xa máis de dous meses dende que moitos nos vimos por última vez, parece que foi onte cando rematou o cole... como pasa o tempo, xa estamos de novo co mandilón!
Estabamos nerviosos, ilusionados e algúns de nós ata con vergoña, si, si, menos mal que, xa na clase, e transcurridos uns minutos, todos e todas volvimos a ser os “nenos e nenas do profe” aos que se suma un novo amiguiño: Jhon Michael. Benvido, xuntos pasarémolo fenomenal!
O primeiro día, o día da presentación, quen máis e quen menos lembraba cal era o seu sitio na liña vermella da asemblea. Non resultou tan doado descubrir cal sería o noso novo sitio nas mesas de cada equipo de traballo.
Para este curso, o profe organizounos de novo en 4 equipos: o Equipo do “M”, do “P”, do “L” e do “S”. Deste xeito, e mediante unha dinámica sinxela de movemento ao son do pandeiro, coñecimos cal será o noso sitio ao longo deste curso e con quen compartiremos diariamente as actividades e o traballo individual.
O certo é que ninguén amosou reticencias a cambiar de mesa de traballo e de compañeiros... velaí van os equipos deste curso!
No Equipo do “M” estarán Froilán, Daniela, Unai, Diego, Tania e Xiana X..
No Equipo do “P” estarán Carla V. e Carla S., Roi e Sergio. e no Equipo do “L”: Leo, Andrea, Luis Miguel e Nerea.
Finalmente, noutra das mesas grandes estará o Equipo do “S” formado por Lois, Mencía, Rodrigo, Lucía, Álvaro e Jhon Michael.
Logo disto, e ao tratarse o día da presentación dun día diferente tamén no que a horario se refire, adicámonos a poñernos ao día e facer partícipes ao resto de compañeiros e compañeiras e ao profe de todas as vivencias que, dalgunha maneira, marcaron as nosas vacacións.
Algúns fomos á praia e ao parque case tódolos días e nada máis e nada menos que ata que se facía de noite, outros coñecimos montes con cabalos grandes e cabalos pequenos, tamén os hai que foron a un hotel cunhas inmensas piscinas e subiron a tobogáns enormes... guaaau!
Sen lugar a dúbidas, resultaron unhas vacacións escandalosamente divertidas...
... DE VIAXE EN TREN!
... NA PRAIA DE TANXIL!
... NO PARQUE DA TIROLINA!
... NA PISCINA DOS TOBOGÁNS!
Asemade, durante estes días tamén reservamos un anaquiño de tempo para coñecer á nosa nova mascota, ARIS. Xunto a ela, comezamos a adentrarnos nun lugar onde se custodian os bos desexos, as palabras amables e os soños doces... NUBARIS!



Do mesmo xeito, e para que as nosas familias vaian organizando a parrilla de clase de cada día, este curso voltamos a elaborar un horario semanal no que figura o menú da merenda e o especialista ou especialistas que temos cada día. Nesta ocasión, cambiamos o caracol Ramón de 4 anos, por unha actividade impresa un pouco máis sofisticada... o moucho Pascual! (dun ou doutro xeito Pascuala seguirá presente no noso día a día)
Traballamos como auténticos súper-maiores, coloreamos o moucho sen deixar ocos e case case sen saírnos do contorno. Logo, veu o máis complicado, colocar a roda co horario e calendario na parte central do moucho cun encuadernador que xiraremos dependendo no día da semana no que nos atopemos.
Agora si que si, todo baixo control, e non teremos excusa para non traer a roupa e o calzado axeitado os días que temos Psicomotricidade ou para non cumprir co menú establecido para cada día da semana... unha idea estupenda!
Para ser a os nosos primeiros días de cole como súper-maiores do noso corredor, non estiveron nada, pero que nada mal... este cole si que mola!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

PREPARAAADOS, LIIISTOS... XAAA!!!

domingo, 1 de septiembre de 2013

Logo dunhas longas e merecidas vacacións de verán voltaremos a vernos de novo o próximo mércores 11 de setembro (de 11:00h. a 12:00h.) e, aínda que seguramente a moitos de nós custaranos coller de novo os hábitos e o ritmo de traballo acadados ao longo do pasado curso, quen máis e quen menos abofé está desexando atoparse de novo cos compañeiros e compañeiras, coñecer en que equipo de traballo estaremos e en que mesa nos sentaremos, a ARIS, a nosa nova mascota,...

Este curso será moi importante para todos nós... buf!, convertémonos nada máis e nada menos que nos súper-maiores de mandilón, seremos os súper-maiores de Educación Infantil, e como tales, deberemos dar exemplo aos máis pequerrechos e pequerrechas, aos nenos e nenas de 3 anos que comezan esta etapa que tan froitífera está resultando para moitos de nós e para moitas das nosas familias.

Un curso máis, e a medida que avance o calendario escolar, iranse sucedendo as distintas actividades e conmemoracións que marcan o ano e o ritmo da nosa aula: as cabazas terrorificamente divertidas do Samaín e as deliciosas castañas do magosto, compartiremos soños e ilusións coa chegada do Nadal, mergullarémonos na fantasía do Antroido... e mil millóns de acontecementos que vos iremos contando no noso blog; un blog que con esta entrada da por inaugurado oficialmente o curso académico 2013-2014, o curso no que nos despediremos como se merece do mandilón...

Mmmm!!... Curso 2013-2014!... Prometémosvos que será o curso máis especial... un curso cargadiño de mil e unha fazaña, de mil e un reto... contamos convosco, familias!...



Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!