Bienvenido

CONTÁXIATE DE DIVERSIÓN...

viernes, 21 de junio de 2013

Cun chisquiño de retraso, non podedes imaxinar todas as cousas que nos quedaron por contarvos do noso fin de curso… xa criades que nos esqueceramos, non?...
Esta última semana de curso resultou intensa, moooi intensa, pero non no que a traballo se refire… nooon!  Resultou intensamente divertida e xenial, vivindo días fora do cotiá que convertiron esta semana no mellor colofón a un curso repleto de mil millóns de experiencias, actividades e vivencias que seguen axudándonos a facernos cada vez máis e máis súper-maiores…
Así, comezamos a semana o LUNS, pechando algunhas das actividades impresas “de archivar” que quedaban pendentes. Eran actividades impresas, “fichas”, sinxelas, que nos servían para consolidar aprendizaxes vencelladas coa lóxica-matemática e a lecto-escritura… Os resultados?... Moi mellorables nalgúns casos, e é que o cansancio de todo o curso estaba máis que patente en máis dun de nós e no colexio xa olía a vacacións…
O MARTES, acudimos ao Auditorio Municipal de Rianxo. Ese día, contounos o profe que pasara algo insólito e inesperado, un tren cargado de ilusión, música, festa, baile e xogos parara no auditorio da nosa vila. Este tren chámase MARÍA FUMASA e leva percorrendo o mundo unha morea de anos, cargado de historias divertidas para que cantemos e bailemos e así ser todos e todas moito máis felices.

MARÍA FUMASA (Edit. Galaxia)
Xa no auditorio, coñecimos á Bruxa Maruxa e mailo ao seu axudante que non pararon de cantaruxar.
Un concerto didáctico que nos ofreceu a oportunidade para sentir máis, para rir, bailar e cantar. E de premio?... A Editorial Galaxia agasallounos cun dos seus contos: Mola que chova, De cores e de amores, Sabeliña e os ratos e Flis-fli-ris-flás… fantástico!
O MÉRCORES, e como non podía ser doutro xeito sempre ollando para o ceo que apuntaba choiva, logo da asemblea matinal baixamos de picnic a un dos parques máis concurridos de Rianxo: ao parque da tirolina. Alí corrimos, saltamos, rodamos, trepamos e… merendamos! Non sabedes o ilusionados que iamos coa nosa bolsiña de picnic











E o XOVES?... Siii, a súper-festa que un curso máis nos tiña preparada o profe, cunha merenda ben diferente ao do resto do curso con snacks diversos e para beber zumes, batidos, bebidas isotónicas…
Encantadores e sempre estupendas coa coroa con motivos do fondo mariño que elaboraramos días atrás; comimos, xogamos cos pompeiros que varios compañeiros e compañeiras trouxeran e… movemos o esquelete coas últimas novidades musicais do momento… canto artista reunido por metro cadrado, sen palabras!


Asemade, este mesmo día tamén celebramos o aniversario de ROI cun biscoito elaborado para a ocasión… agora só quedan XIANA X., TANIA, DIEGO e LOIS na tarta de 4 anos!
Foi un aniversario especial, xa que tivemos a visita dunha animadora de sobra coñecida por todos e todas que nos deseñou uns animais divertidos nada máis e nada menos que con globos de diferentes formas, tamaños e cores… cans, serpes, flores, espadas -de broma-… para todos os gustos! E como nos portamos?... Peor que os nenos e nenas de 3 anos,… que vergoña!, sentímolo profe…


Xa o VENRES, un curso máis os profes do cole organizaron a “Festa da Auga”, xogos divertidos cuxo elemento motivador era a auga. Había o xogo do vaso na cabeza, o dos camareiros, o relevo de esponxas, as piñatas con sorpresa…









Pero dentro de tanta diversión, o realmente máis divertido, o “chirigingueitor” organizado para media mañá, suspendeuse por mor do tempo que naquel preciso momento non acompañaba para mollarnos dos pés á cabeza… que mágoa!


Provistos das nosas ultra-modernas pistolas de auga quedamos un tanto desencantados…
Un desencanto que nada máis chegar á clase deixamos atrás. Voltamos a merendar cos snacks e biscoito sobrante do día anterior e… quen se lembraba do “chiringueitor”?,… cando ademais o venres pasado, grazas a uns bombeiros re-saladísimos vivimos unha festa da escuma  improvisada na que tanto nenos e nenas como profes acabamos… em-pa-pa-dos!




Agora xa, e despois dun curso tan intenso, tócanos disfrutar destas merecidísimas vacacións. Teremos tempo para ir á praia, á piscina, ao parque, a festas varias e, por suposto, os máis afortunados, a visitar novos lugares… intentando reservar un anaquiño de tempo para traballar todo o que aprendimos ao longo do curso, que senón en setembro… 

"ESPEJITO ESPEJITO MÁGICO"

viernes, 14 de junio de 2013

A piques de que remate o curso e de comezar as tan merecidas e necesarias vacacións para máis dun, esta semana seguimos pechando actividades traballando na nosa aportación á revista do cole: “Ondiñas veñen”.
Como sabedes, as seccións e temáticas que integran a nosa revista escolar son para todos os gustos e públicos, dende traballos sobre as distintas celebracións que teñen lugar no cole tales como o samaín, o magosto ou o nadal, ata entrevistas, pasatempos e mesmo contos protagonizados por seres fantásticos e marabillosos.
Este curso, decidimos partir dunha das rutinas e tarefas cotiás que desenvolve o súper-encargado cada día: a elección do accesorio para o mandilón do profe. Máis concretamente, partimos da pegatina de Blancanieves á que asignamos un rito a modo de interrogación retórica… “Espejito, espejito mágico,… ¿quién es la más bella del cole?”...
Aquí, todos e todas respondemos co nome da súper-encargada. Si, si… súper-encargada, porque alomenos de momento son contados os nenos que se atreven a elexir esta pegatina… é de chicas!
A partir deste rito cotiá e do conto de “Blancanieves y los 7 enanitos” dos irmáns Grimm -conto que inexplicablemente moitos de nós descoñeciamos-, presentamos para a revista do cole un divertido xogo cun espelliño máxico co que teredes que deixar voar a vosa imaxinación…

- BLANCANIEVES Y LOS SIETE ENANITOS -
Na actividade, presentamos 6 fotografías dunhas nenas e dun neno de sobra coñecidos por todos e todas.
Nembargantes, e para axudarvos a resolver a identidade misteriosa que se agocha en cada fotografía, decidimos acompañar o traballo dun debuxo e dunha rima sinxela en forma de adiviña na que resaltamos algunhas cualidades dos enigmáticos personaxes de cada imaxe.
A nós custounos un chisquiño, pero logo de que o profe nos dese algunha que outra pista, está claro… trátase nada máis e nada menos que… da profe Divina, Karina, Belén, Marta, Gemma e J.Ricardo… os nosos profes!
Entusiasmados coa actividade fixemos unha morea de debuxos de cada profe aos que non lles faltaron detalle… fantásticos!
Xa logo, reunidos na asemblea escollimos os que máis graza nos fixeron, aqueles que máis nos chamaron a atención, deixando os restantes para unha composición de grupo-clase coa que decidimos decorar o noso corcho do corredor.












 












Por outra banda, o momento da composición das adiviñas supuxo un encontro sempre gozoso co mundo da creación literaria e coa lecto-escritura. Así, coa axuda do profe, creamos unhas adiviñas ben doadas que agardamos vos axuden a descubrir de que profe se trata en cada espelliño máxico.
Porque todos algún día fostes nenos e nenas, nunca deberiades de deixar de ver as cousas do voso día a día cos ollos da imaxinación e da fantasía…Seredes quen de resolver os 6 enigmas que se agochan en cada espelliño máxico?…


Agora, acompañádenos na conta atrás para poñer o punto e final a este curso 2012-2013. Será unha conta atrás cargadiña cargadiña de diversión, nervios, actividades e sorpresas, moooitas sorpresas…
E para o vindeiro curso?... Buf, a nosa despedida do mandilón… como pasa o tempo, xa seremos os súper-maiores de mandilón!...
Un saúdo e non esquezades que… o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

PASCUALA... PASA PASARELA!

viernes, 7 de junio de 2013

Olaaa, estou moooi feliz porque hoxe, a dúas semanas de rematar o cole, por fin me deixaron facerme cargo da entrada semanal do noso blog… 
Nesta ocasión, non serán os nenos e nenas de 4 ANOS B os que vos conten como foi a semana na clase, non, esta vez, por tratarse dunha entrada un tanto especial, deixáronme que fose eu a encargada de despedirme do blog, das familias e dos nenos e nenas cos que vivín un curso estupendo repleto de momentos intensos e divertidos, moooi divertidos…
Como… que aínda non sabedes quen son?... Son eu, a rá Pascuala, que marcha para a clase doutros nenos e nenas de 4 ANOS, xa que as “SONRISAS Y MANDILONES” do profe J.Ricardo para o vindeiro curso convertiranse nos súper-maiores de mandilón e como tales, cambian de mascota, nada máis e nada menos que unha das primeiras compañeiras de mandilón do profe, ARIS, coa que vos adentraredes nunha nova dimensión, na Dimensión Nubaris… estades preparados?
Foron miles os momentos vividos ao longo do curso: xuntos xogamos, lemos, traballamos, debuxamos, bailamos e, sobre todo… aprendemos! Buf, canto aprendemos!
Xuntos aprendemos a sumar e a ler a partir de palabras e textos significativos, xuntos tamén aprendemos a identificar algúns dos cambios que se producen no contorno e na vida das persoas coa chegada de cada estación, xuntos aprendemos a ilusionarnos coa maxia do Nadal e a visita das SS.MM. os Reis Magos de Oriente, xuntos aprendemos a recoñecer os elementos representativos do antroido convertíndonos en encantadores príncipes e marabillosas princesas…
Agora xa, e aproveitando a chegada inminente deste verán que parece que non quere vir, aproveitamos para coñecer elementos do tesouro que agocha o fondo mariño. Coñecimos as baleas, golfiños, polbos, peixes de todas as cores, e ata a Bríxida, unha sereíña coa que conseguimos salvar un home e o seu fillo que caeran ao mar… menuda aventura!
A partir desta aventura no mar, descubrimos que a auga dos ríos sempre se move porque ten corrente, así coma o nome dalgún río coma o Nilo, que se atopa en Exipto e está cheo de crocodilos, ou o Misisipi, que é un dos ríos máis grandes do mundo.
Sen lugar a dúbidas, se me teño que quedar co que máis me gustou da miña estancia no cole, foi convertirme semanalmente na convidada especial de cada familia... cantos sitios novos coñecín!... Fun a un centro comercial, a festas de aniversarios onde había máis nenos e nenas, a happy parks... ata me levaron de viaxe en tren ata Vilagarcía!
O anfitrión semanal explicaba na asemblea todos os lugares visitados e todas as actividades que fixera durante esa semana de estancia na súa casa ou piso. Incluso, varios nenos e nenas presentáronme novos amiguiños e amiguiños que, en forma de boneco de peluche, servíronnos para dar renda solta á nosa fantasía: Pascual e Pascualiño, o esquío Roni, Pingüi, o oso panda Wiki, Nutriart, Branco e Negro... canta imaxinación hai nesta clase!
Ademais, e por si todo isto fose pouco, puxéronme máis guapa que nunca confeccionándome diversos complementos. Vamos, que estou feita unha súper-modelo,... un look para cada ocasión, sempre son a sensación!

PASCUALA SÚPER-SPORT!
PASCUALA SÚPER-COCIÑEIRA!
PASCUALA SÚPER-MODELO!

Agora, máis que nunca, e convertida nunha auténtica súper-modelo, sempre se presenta algún candidato ou candidata para debuxarme cos ollos da imaxinación. Preciosa e estupenda me ven estes nenos e nenas...















Por todo isto, gustaríame dar mil millóns de grazas ás familias pola vosa implicación na actividade “Pascuala vén á casa” proposta polo profe, xa que non sempre é doado conciliar a vida laboral cos traballiños que se propoñen dende a nosa aula e dende o cole, -que non son poucos-. Coa vosa guía e supervisión quedou unha compilación de traballos e fotografías fantástica que axiña decidimos integrar no rincón de biblioteca e que ollamos unha e outra vez sen aburrirnos nin un chisquiño...


Estes días estou un pouco triste porque axiña remata o cole e teño que marchar, pero... imos de vacacións e son moitas as sorpresas que nos agardan durante as vindeiras semanas. Como non podía ser doutro xeito, xuntos, poñeremos o punto e final a este curso, así que seguide moi atentos ás novas do noso blog e... contáxiate de diversión!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!