Bienvenido

POR TERRA, MAR E AIRE...

viernes, 31 de mayo de 2013

Xa vos contaramos a estupenda viaxe que fixeran  Pascuala, Fernando e Rosalía montados nunha fregona voadora. Fora unha viaxe fantástica na que aproveitamos para observar e identificar características, hábitats e coidados necesarios dos animais.
Deste xeito, e tendo máis ou menos claras as diferenzas entre os animais domésticos e os animais salvaxes e entre a selva e sabana, estes días traballamos, servíndonos de novo da viaxe de Pascuala como alicerce, algúns medios de transporte e algúns medios de comunicación.
Para comezar, a partir da lectura do conto da unidade: “Voando á selva”, observamos os vehículos que aparecían no seu relato argumental establecendo diferenzas entre eles en canto ao seu tamaño, capacidade, forma, rapidez…
Asemade, nas asembleas matinais falamos sobre diferentes medios de transporte e o medio físico polo que se desprazan.
Nestas conversas dirixidas saíron moitos e variados medios de transporte; dende os máis tradicionais como o coche, o camión ou o autobús, ata os máis ultra-modernos como as motos acuáticas, os platillos volantes e os cohetes espaciais.
Tamén realizamos descricións dalgúns vehículos nomeados, conversando sobre a súa utilidade: viaxar, desprazarnos a lugares que están lonxe, transportar mercancías…
Pero sen lugar a dúbidas, parte das conversas suscitadas xiraron moi especialmente arredor dos medios de transporte que se desprazan polo aire: avións, globos, helicópteros, ala delta, parapentes, paracaídas… ocupando un lugar privilexiado os platillos volantes, os cohetes e naves espaciais, pois xa dende principio de curso, son diversos os deseños realizados destes medios de transporte no momento do debuxo libre… espectaculares!


Por iso, e como non podía ser doutro xeito, todos estes coñecementos e aprendizaxes pasámolos unha vez máis ao papel en forma duns debuxos nos que cada vez amosamos máis seguridade e confianza: camións, barcos, submarinos e… ata un coche descapotable!


Todo este traballo, levámolo a cabo de forma máis ou menos ordeada, levantando a man e gardando a quenda para falar. Uf, isto si que é complicado!... é que ultimamente temos a todas horas unhas ganas de falar alucinantes!...
Este novo centro de interese ademais, posibilitou o traballo transversal de elementos vencellados coa Educación Vial, insistindo na necesidade de respectar as normas de circulación viaria, co obxecto de previr accidentes.
Tamén lembramos o importante que resulta camiñar polas beirarrúas, utilizar os pasos de peóns ou semáforos para cruzar e mirar antes de facelo. Así como non molestar a papá ou mamá cando van conducindo, levar abrochado o cinto de seguridade e, aínda que sexamos maiores, ir sempre ben sentadiños na nosa silla do coche.
Agora que xa somos uns pequenos-grandes expertos nos medios de transporte e que falta moi pouquiño para que cheguen as vacacións de verán, non estaría nada mal que decidiramos que medio de transporte empregaremos nestas vacacións… por terra, mar ou aire?...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

"AUTOR, ACTOR E PÚBLICO DO AQUÍ"

viernes, 24 de mayo de 2013

Esta semana, logo de que a anterior resultase imposible -a entrada adicada ao “Día da Familia” era case case obrigatoria-, adicaremos esta entrada a Roberto Vidal Bolaño… como?... que non sabedes quen é?...
Roberto Vidal Bolaño foi o escritor escollido este ano para adicarlle o “Día das Letras Galegas”.
Naceu en Santiago de Compostela e dende sempre, a súa paixón foi o teatro, ao que se adicou totalmente, non sen antes traballar nun comercio e nun banco.
Foi director, actor, produtor, iluminador, escenógrafo, figurante, público, autor en lingua galega e promotor do teatro independente. Non nos estraña que este ano fose o autor ao que se lle homenaxeou no “Día das Letras Galegas”... canto traballou!
Que a celebración a nivel de centro do “Día das Letras Galegas” non tivese lugar ata a víspera (xoves 16 despois do recreo), non quere dicir, nin moito menos, que os días previos non descubriramos elementos vencellados con este día de exaltación e promoción da nosa literatura e da nosa lingua.
Deste xeito, o profe explicounos algunha que outra curiosidade de Vidal Bolaño: vimos imaxes en Internet, traballamos con elementos característicos deste escritor (sombreiro e nariz de pallaso) facendo unha composición que para máis dun resultou case imposible,


e ata coñecimos o himno de Galicia.
O himno de Galicia?... pero Galicia ten un himno?... nin que fose un equipo de fútbol!...
Pois si, aprendimos que Galicia tiña un himno que conxuga o poema “Os pinos” de Eduardo Pondal e que foi interpretado por primeira vez en 1907 na Habana (Cuba).
Xa o xoves, logo do recreo, entusiasmados e con sombreiro, bigote e nariz de pallaso incluída, acudimos ao hall do pavillón norte para desenvolver, xunto co resto de nenos e nenas do cole, o acto organizado.


Comezamos lembrando da man do alumnado de Educación Primaria a figura de Roberto Vidal Bolaño. Para isto empregáronse os pósters gañadores do concurso do “Día das Letras Galegas” convocado pola Xunta de Galicia e que o noso cole gañou por segundo ano consecutivo.
Logo desta introdución, vimos nun vídeo, tamén representado polo alumnado de Educación Primaria un resumo da obra de Vidal Bolaño: “Touporroutou da Lúa e do Sol” no que a deusa Lúa e o deus Sol están aborrecidos, así que deciden pelexar, podedes imaxinar como remata a historia: con choros e enfados varios.

- TOUPORROUTOU DA LÚA E DO SOL -
Simultaneamente e para que o acto non resultase máis denso, concertouse unha vez máis a actuación do grupo de pandereteiras que nos deleitaron con varias cancións do repertorio tradicional galego.
E non podía faltar... todos os nenos e nenas do cole, e ata os profes, cantamos o himno de Galicia: “Os Pinos”.
A vindeira semana estará repleta de sorpresas. Seguiremos aprendendo novas cousas comezando o derradeiro libro de Pascuala e o martes recibiremos un curso máis a visita de Álex e de Patricia.
Álex é músico, e por iso leva na súa maleta os seus instrumentos favoritos para acompañar as máis divertidas historias. O profe díxonos que ata ten un que respira e parece estar vivo, é... un acordeón!
Patricia, conta e canta, sabe mil millóns de historias que abofé nos entusiasmarán.
O martes, con Álex e Patricia, faremos unha viaxe fantástica, chea de música e de palabras para a que non precisaremos nin coches, nin barcos, nin avións. Tan só deixar voar a nosa imaxinación. Será moi divertido!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

FOTO DE FAMILIA.

viernes, 17 de mayo de 2013

Tendo en conta a sociedade na que vivimos e a diversidade de familias existente, este mércores 15 de maio celebramos o “Día Internacional da Familia”.
O 20 de setembro de 1993, a Asamblea Xeral das Nacións Unidas decide que o 15 de maio de cada ano se celebre o “Día Internacional da Familia”, facendo eco da importancia que a comunidade internacional lle outorga á familia.
E é que sen lugar a dúbidas, a familia convírtese nun elemento importante nas nosas vidas, pois constitúe o primeiro grupo social ao que pertencemos e nela establecemos a nosa base afectiva e cultural e adquirimos os valores e normas vixentes no noso contorno socializador próximo.
Hoxe en día, existe unha diversidade de estruturas familiares, por iso, nas asembleas matinais previas ao “Día Internacional da Familia”, tentamos fomentar o respecto e valoración da propia familia; ademais, procuramos achegarnos  aos distintos tipos de familias existentes.
Deste xeito, enseguida identificamos cales son os membros da nosa familia.
Pois clarooo… os membros da nosa familia son nin máis nin menos que as persoas que viven connosco na casa. Nembargantes, un dos nosos compañeiros comezou a engadir novos membros a estas unidades familiares básicas e tradicionais: as madriñas e padriños, os primos e primas, incluso algún, ata engadiu aos seus amigos e amigas, pero non, por moito que os queiramos, moitas veces os nosos amigos e amigas non son da nosa familia.
Asemade, nestes días, reservamos un tempo para debuxar aos membros da nosa familia, uns debuxos cada vez máis de súper-maiores aos que engadimos detalles que moitas veces pasan desapercibidos para os adultos como as pestañas, os dedos nas mans e ata diferenciamos o sexo a través do pelo ou vestimenta. Aiii, quedaron uns debuxos con taaanto amor!...


Ademais destas e outras actividades, confeccionamos o agasallo para as nosas familias no que traballamos cun entusiasmo e entrega total.
Así, para o agasallo, a semana previa o profe repartiu folios de cor branca e pideunos que nos debuxaramos a nos mesmos. Tratábase dun debuxo especial, xa que non debía ser nin moi grande nin moi pequeno, ao precisalo posteriormente para o agasallo creado. Do mesmo xeito, neste mesmo folio, despregamos a nosa imaxinación e creatividade debuxando aqueles elementos que máis nos gustan; así: cohetes, castelos encantados, bolboretas, arcos da vella, corazóns, coches fantásticos, paxariños e árbores… e todo aquilo canto podedes imaxinar.
O resultado… uns marcos personalizados cunha fotografía individual na que se nos podía ver en momentos cotiás da xornada escolar: traballando, xogando nos rincóns ou no patio, lendo un conto… ata voando como súper-man!

LOIS - TANIA
MENCÍA - DANIELA
ÁLVARO - ANDREA
SERGIO - UNAI
RODRIGO - FROILÁN
NEREA - LEO
ROI - XIANA X.
LUCÍA - DIEGO
LUIS MIGUEL - CARLA S.
CARLA V. E...
Agardamos que vos gustasen... e non esquezades a dedicatoria, especialmente naqueles momentos nos que non nos portamos todo o ben que deberamos…
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

PELO, PICO, PATA...

viernes, 10 de mayo de 2013

Aínda non o podemos crer!... Pascuala voou coma os paxaros, os avións, os helicópteros, os globos e as naves espaciais, pero… nunha fregona! A viaxe foi estupenda e a Pascula aínda lle dura a emoción.
Deste xeito, montados nunha fregona voadora coa axuda da caixa máxica de papeliños de cores, Pascuala, Rosalía e Fernando foron de viaxe nada máis e nada menos que á selva para axudar á mamá do elefantiño Tembo. Asemade, nesta viaxe todos e todas reatopámonos cuns vellos amigos… María e Papelote!
De novo inmersos nun novo centro de interese, nesta ocasión aprenderemos, se cabe todavía máis, acerca dos animais.


Traballaremos aspectos como: características morfolóxicas, comparación de diferentes especies de animais, forma de desprazarse, crecemento, diferentes hábitats... ao tempo que adquirimos hábitos e actitudes de respecto, de coidado e de cariño cara aos animais. Tamén aprenderemos a valorar os animais como seres vivos necesarios e imprescindibles no equilibrio do ecosistema, onde todos os organismos teñen unha función importante, relacionando a utilidade entre os animais e as persoas, identificando alimentos e produtos de orixe animal…
Buf!, canto traballiño nos agarda para acadar todos estes obxectivos, pero que dúbida cabe que pouco a pouco convertirémonos nuns pequenos-grandes expertos tamén no mundo animal.
Para comezar, nas asembleas matinais, falamos longo e tendido sobre os animais máis coñecidos, identificamos algunhas das súas características… introducindo uns novos termos ata o de agora descoñecidos para moitos de nós: animal doméstico e animal salvaxe.
O certo é que, como vén sendo habitual, sempre imos por diante daquilo que nos quere ensinar Pascuala, pois quen máis e quen menos xa sabía as diferenzas fundamentais entre os animais domésticos e os animais salvaxes. Por iso, para comprobar si eramos quen de diferenciar entre ambas clases de animais, nomeamos unha morea de animais de cada tipo, resultando unha lista interminable de animais tales como elefante, león e tigre, crocodilo… -como animais salvaxes- e can, gato ou tartaruga -como animais domésticos-.
Esto resultou doado, agora ben,… sabiades cal é a diferenza entre a selva e a sabana?...
A selva e a sabana son lugares doutros países onde viven os animais salvaxes. A diferenza entre elas é que a selva é como un labirinto de plantas e a sabana é un terreo liso con algunhas árbores, sobre todo acacias.
Todo máis ou menos claro, así que tras disfrutar de varias presentacións de imaxes de animais salvaxes que o profe nos tiña preparadas no ordenador da clase… que medo o tabeirón branco comendo a balea!... debuxamos os nosos animais salvaxes preferidos, ubicándoos nun hábitat determinado: selva ou sabana.

SELVA
SABANA






SABANA

SELVA






SABANA

SABANA






















Estas experiencias de aprendizaxe, servíronnos para chegar a conclusións como que a maioría dos animais non teñen mans e teñen catro patas que lles serven para moverse. 
Todos?... Non!, xa que hai algúns coma o mono e o esquío que teñen dúas das súas patas semellantes aos nosos brazos con mans que empregan para coller cousas.
Mirade si estamos sensibilizados co mundo animal e cos insectos en particular que o outro día apareceu na clase un cempés a primeirísima hora da mañá cando aínda estabamos poñendo o mandilón e, lonxe de pisalo, -alomenos non na clase-, decidimos collelo e sacalo fora do cole pola ventá… tamén teñen dereito á vida, non si?...


Agora xa, na vindeira semana, ultimaremos os derradeiros detalles do agasallo que estivemos preparando para o “Día da Familia” e descubriremos a figura de Roberto Vidal Bolaño, escritor santiagués ao que se lle adican este ano o “Día das Letras Galegas”.
Comezamos a recta final do curso, pero agarrádevos ben forte porque veñen curvas... avisados!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

UN MUSEO NO XARDÍN.

viernes, 3 de mayo de 2013

Sabedes que Pascuala gardou hai tempo a bufanda, o gorro e os guantes ata o ano que vén?... Pois si, porque xa case non vai frío. Estamos en primavera!... 
Desta maneira, as modificacións que se producen no contorno físico e natural e na vida das persoas coa chegada da nova estación, suscitaron diversas actividades que nos serviron para observar e identificar algúns dos elementos máis representativos da primavera: saen as flores, as follas das árbores son de cor verde, xa non vimos ao cole  tan abrigados coma no inverno...
A través do conto da unidade didáctica: “Un museo no xardín”, descubrimos como Pascuala, Fernando e Rosalía constrúen o “museo bicheiro" no xardín da súa casa cos debuxos e fotografías que eles mesmos fixeron coa axuda da cámara fotográfica. Acudiron todos os seus amigos e amigas e, incluso, os propios animaliños, que prometeran non picar a ninguén e non comer as verduras da horta.
Comprobamos como bichiños como as FORMIGAS saíron da terra, que outros viñeron voando como as BOLBORETAS, as ABELLAS ou os MOSQUITOS... todo isto traballado de xeito sistemático en diversas actividades de ensinanza-aprendizaxe nas que non podía faltar o debuxo do “museo bicheiro”...















Asemade, o profe propúxonos un torbeliño de ideas no que tiñamos que dicir obxectos, elementos, situacións... relacionadas coa primavera: “XARDINEIRO”, “SOL”, “BOLBORETA”, “ÁRBORE”, “ABELLA”... sempre interesantes achegas que escribimos no encerado e en folios de cores para unha actividade que levariamos a cabo posteriormente.
Outra das actividades desenvoltas foi a decoración dunha flor que debiamos pintar de diferentes cores sen saírnos do contorno. Pero todavía quedaba o máis xenial, xa que na parte central, logo de picala co punzón, pegamos unha fotografía nosa.
Xunto coas nosas flores e coas palabras vencelladas coa primavera que escribiramos en folios de cores, decoramos a porta da clase. Bonita, bonita, quedou a porta da nosa aula vestida nesta ocasión de primavera...















Estas conversas dirixidas e actividades enriquecéronse se cabe todavía máis coa posterior lectura e interpretación da lámina mural desta unidade didáctica na que se podía ver unha paisaxe primaveral con moitos dos elementos que saíran no torbeliño de ideas e, moitos dos personaxes do conto da unidade didáctica, achegándonos ao traballo do xardineiro e do agricultor.
Flores, árbores, bolboretas, paxaros, xardineiros e agricultores... quedaron uns debuxos da primavera estupendos nos que plasmamos todo o que aprendimos co traballo deste centro de interese. 


Por outra banda, como sabedes, na semana do “Día do Libro” os equipos do cole propuxeron unha actividade na que as familias tivestes un peso fundamental. Este curso, mergullados na temática da auga por ser o “Ano Internacional da Cooperación na Esfera da Auga”, propúxose a actividade de convertir unha botella de auga de plástico baleira nun personaxe fantástico que ademais se convertiría en protagonista dunha pequena historia ou conto.
Día a día, nas asembleas matinais iamos coñecendo os personaxes que ilusionadísimos traian os nosos compañeiros e compañeiras... había auténticas obras de arte!
Por iso, a tarde do luns, programouse unha xornada de portas abertas para as familias para que poidésedes ver o noso particular “museo bicheiro”.
Pola nosa conta, aquí vos presentamos a: PINGÜI, EXTRAT, COCORICO, ROSALÍA, GARY, PASCUALA, TIBURO, CHUGGINGTON, PASCUALIÑO, LAURA, AVOA PEPA, ARAÑA “PATASLARGAS”, OSITO GOMINOLA, CHINICHÁN, e mesmo un barco, un avión e unha piscina con tartarugas de plastilina... buf, canta imaxinación!,... fabulosos!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!