Bienvenido

UNHA SEREÍÑA OLÍMPICA.

viernes, 5 de abril de 2013


Sabedes que antes das vacacións celebramos no cole a Semana da Prensa?... Pois si, e no noso cole esta actividade conmemorativa recollida no calendario escolar non pasou desapercibida, organizándose distintas actividades nas que redescubrimos aspectos vencellados con este medio de comunicación social.
Así pois, está a piques de publicarse no cole un novo número do xornal “Voces Rianxeiras”
Tendo en conta todas as clases do cole, decidiuse organizar o traballo por seccións: deportes, cultura, sociedade, pasatempos… No noso caso, este curso tocounos a sección de deportes, unha sección na que quen máis e quen menos xa é un pequeno-gran experto.
Así, nas asembleas matinais introducimos o xornal chegando a conclusións tales como que se trata “dunha revista que len os maiores, na que só aparecen letras e fotografías negras”... interesantes conclusións, non si?...
Asemade, nestas asembleas tamén fixemos unha pequena aproximación ao traballo cotiá das persoas que cada día elaboran os xornais e fan posible que dende primeiriña hora da mañá os maiores poidan coñecer as novas do día a día… os xornalistas!
Deste xeito, convertímonos nuns intrépidos xornalistas e todos e todas matinamos nunha nova de interese xeral sobre o mundo deportivo… A ver, a ver… que deportes coñecemos?... Fútbol, baloncesto, tennis, carreiras de coches e de cabalos, golf… e ata o baseball,… menuda, case nada!
Xa centrando máis a atención no cometido que tiñamos que elaborar a modo de achega para o xornal do cole, decidimos descubrir e coñecer un pouquiño a Mireia Belmonte… Como, que non sabedes quen é?...


Mireia Belmonte é nadadora profesional e participou nos Xogos Olímpicos de Pekín 2008 e Londres 2012. É campiona mundial, europea e dobre subcampiona olímpica.
Antes de elaborar a nova para o xornal, vimos vídeos de Mireia Belmonte no ordenador nadando, competindo e entrenando moooi duramente para poder gañar as carreiras de natación nas que participa.
A partir desta actividade, fixemos un torbeliño de ideas no que escribimos palabras vencelladas con esta fantástica sereíña olímpica, con palabras tales como: “MEDALLA”, “PISCINA”, "CAMPIONA", “CARREIRA”, “BARCELONA”… rexistrando todos estes datos nun pequeno mural no que ademais pegamos 3 fotografías de Mireia Belmonte.


Por outra banda, e como premio a un comportamento e traballo cotiá extra-xenial, debuxamos nun folio de cor azul a Mireia, naquela situación que máis nos impactou a cada un de nós: Mireia nadadora, Mireia coa medalla e coa copa de gañadora, Mireia na piscina co traxe de baño… e ata Mireia coa bandeira de España…


E por suposto, co gorro e as gafas da sorte do profe, nadamos en estilos variados pola clase, ata simulamos tirarnos de cabeza nunha piscina imaxinaria como uns auténticos campións olímpicos… divertidíiisimo!


Con esta entrada e esta nova para o xornal do cole, tentamos rendir unha homenaxe a todos aqueles nenos, e non tan nenos, que cada día se erguen cedo, moooi cedo para entrenar no seu clube e meterse nunha piscina, a todas aquelas persoas que sacrifican pequenas-grandes cousas do seu día a día polo apaixoante mundo do deporte de competición… e non esquezades nunca… “o posible conséguese, e o imposible inténtase sempre!”


FELICIDADES MIREIA!

Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

2 comentarios:

Profe J.Ricardo dijo...

Este venres fará de contacontos:

- XIANA X.: "La isla de tía Lola" (Edit. Vicens Vives)

Anónimo dijo...

Mireia xa parece unha máis da nosa familia. Eso que nos costou averiguar quen era.

Saúdos