Bienvenido

QUEN QUERE ATA AS ESTRELAS CHEGAR?...

viernes, 26 de abril de 2013

“Quen quere voar?... Quen quere ata as estrelas chegar?... Quen vai atopar o tesouro?...” con estas e outras preguntas recollidas nun pequeno poema, comezamos a xornada do martes 23 de abril, unha xornada na que conmemoramos o “Día do Libro 2013”.
Sabedes por que se celebra o “Día do Libro” cada 23 de abril?...
Para celebrar o “Día do Libro” escolleuse o 23 de abril por coincidir este día co falecemento de grandes escritores universais tales como: Miguel de Cervantes, Garcilaso de la Vega ou o mesmísimo William Shakespeare.
Aínda que non coñecemos as súas obras, o profe nos explicou que escribiron libros para maiores archicoñecidos en todo o mundo, tan importantes que foron traducidos a diversos idiomas para que a xente poida megullarse nas súas fascinantes historias.
Deste xeito, no ano 1995 a UNESCO promulgou o 23 de abril como “Día Internacional do Libro”, a pesar de que no caso concreto de España xa se viña celebrando dende o ano 1930.
Este día, un curso máis non pasou desapercibido na nosa clase, e dende primeiriña hora da mañá, na rutina da asemblea matinal, descubrimos que o “Equipo de Biblioteca” do cole nos deixara una agasallo en forma de libro.


Así, aos contos da nosa biblioteca de aula que traballamos ao longo deste curso que foron moitos e variados, engadimos un novo: Se eu fose un gato (OQO editora).
Se eu fose un gato é unha proposta divertida, a modo de xogo, que nos permitiu tomar conciencia da realidade (vivencias, emocións, necesidades...) do outro co obxectivo último de entendelo mellor.
SE EU FOSE UN GATO (OQO editora)
Unha vez desvelado o título do conto, nesta ocasión as hipótesis sobre o que se escondía no agasallo resultaron innecesarias, -estaba clarísimo, o agasallo era un conto-, conversamos acerca de cales eran os nosos contos preferidos decatándonos de todos os que coñecemos.
Deste xeito saíron, dende os contos de sempre, os contos de toda a vida como Caperucita Roja, Los 3 cerditos ou El patito feo, ata outros que ultimamente están acadando unha fama considerable nos máis pequenos entre os que atopamos os contos da Editorial Kalandaka con títulos como La casa de la mosca fosca ou A que sabe a lúa? ou mesmo a colección de Pepe Carreira da Editorial A Nosa Terra de Os Bolechas que nos proporcionan un sempre grato primeiro achegamento ao noso contorno físico, natural, social e cultural...


Asemade, tamén destacamos os contos da Colección Serie Azul da Editorial Vicens Vives cos que os derradeiros contacontos do curso nos están deixando sen palabras cos seus primeiros exercicios de prelectura. La vaca bailarina, Verónica el hada buena, Los osos toman el sol... fabulosos!
De todos é coñecido que os contos se convirten en aliados excepcionais nos procesos de ensinanza-aprendizaxe que levamos a cabo na aula. Os contos servennos para atoparnos cos problemas éticos fundamentais favorecendo a adquisición dun primeiro código moral ao mesmo tempo que reforzan virtudes e cualidades como o valor da amizade, a humildade, a exaltación da intelixencia e do enxeño...
Todas estas consideracións e apreciacións persoais, representámolas no tríptico que levamos para a casa no que se explicaban curiosidades acerca do “Día do Libro”, e no que se reservou un espazo para dar renda solta á nosa imaxinación. Deste xeito, cada un de nós, logo da realización do traballo establecido para ese día -a piques xa de rematar o libro número 6 de Pascuala- tivemos que debuxar os nosos personaxes de contos favoritos: princesas, alieníxenas doutra galaxia, vacas e polbos con extraordinarios súper-poderes... estupendos!



Un saúdo acompañados de lectura e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

1 comentarios:

Profe J.Ricardo dijo...

Este venres fará de contacontos:

- LEO: "Un taxi muy extraño" (Edit. Vicens Vives)