Bienvenido

LINDA Á ESPREITA.

viernes, 15 de marzo de 2013

Esta semana, resultou máis diferente que de costume, pois si ben o mércores tivemos unha sesión de contacontos, o venres acudimos a unha exposición na biblioteca do cole sobre o noso mar... Comezaremos polo principio...

Mergullados de cheo nas derradeiras actividades coas que pecharemos xa este 2º trimestre o venres da vindeira semana, entre actividade e actividade, acudimos o mércores, despois do recreo á aula de psicomotricidade. Nesta ocasión, aínda que todos e todas levabamos vestida a roupa apropiada para psicomotricidade, en tanto que tiveramos clase “de gimnasia” a primeirísima hora da mañá, acudimos a esta dependencia por unha razón ben diferente... iamos a escoitar un contacontos... si, si, un contacontos de verdade!
Linda á espreita (Edit. Xerais), narra a historia dunha vaca diferente ás demais. Cada mañá, mentres a muxían, a vaca Linda fitaba nerviosa e impaciente cara ao exterior da granxa porque había algo que a Linda lle gustaba máis ca nada no mundo. O seu maior pracer consistía en meterlle un susto ao carteiro e escorrentalo...
O contacontos, cun libro grande, moooi grande, conseguiu crear un ambiente de expectación total no que non perdemos o máis mínimo detalle da historia de Linda, unha vaca entrañable, divertida e xoguetona.


Xa na clase, a mirada amable de Linda, non podía pasar desapercida entre as nosas actividades, e xurdiu a proposta de facer un debuxo do conto, no que cada quen plasmou aquilo que máis lle chamou á atención aparecendo nun lugar privilexiado a súa protagonista: a vaca Linda.


Ao longo deste trimestre, foron moitos os contos lidos e traballados na clase, dando boa conta deles en varias entradas do noso blogue, pois a súa utilización serviunos para crear un clima de diversión e festa que resulta tan grato e estimulador para a aprendizaxe.
Máis concretamente, coa narración de contos aprendemos a escoitar, a pensar, a ver as cousas cos ollos da imaxinación, permitíndonos entrar na realidade por camiños novos e coñecer e comprender progresivamente o noso pequeno-gran mundo, que non é tan doado como pensades os maiores.
Todo isto ademais, traballámolo na actividade do préstamo semanal na que cada semana un dos nosos compañeiros e compañeiras convírtese nun contacontos que, cun ton de voz máis ou menos alto, achéganos á historia que se recolle no conto escollido para a ocasión.
Do mesmo xeito, a lectura de contos na nosa aula, convértese nun excelente momento de relaxación co que, tras o momento de xogo libre no patio ou nos rincóns, distendemos a atmósfera da aula.
Por outra banda, e xa o venres, acudimos a última hora á biblioteca do cole para levar a cabo a actividade do préstamo semanal e realizar a lectura en voz alta e en gran grupo das láminas que levamos esta semana: o N e o Ñ.
Pero nesta ocasión, tan pronto entrar na biblioteca, 5 carteis mudaron o desenvolvemento normal da actividade…
Tratábase da exposición “Coidando o noso mar” do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) coa que se pretende sensibilizar sobre o importante valor  natural e a fraxilidade dos ecosistemas mariños, tendo en conta a incidencia das actividades humanas e os residuos que estas xeran. 

Para saber máis, facer click na imaxe da barra da esquerda.
Coa simple observación das fotografías que aparecían nos carteis, quen máis e quen menos fixo a súa pequena achega acerca do necesario que resulta que todos e todas coidemos o noso mar para poder desfrutar del cando cheguen as vacacións de verán.
Esta exposición, serviu como complemento perfecto a unha sesión do proxecto de divulgación e formación que a Cofradía de Pescadores de Rianxo está levando a cabo e na que participamos fai xa algunhas semanas.
Tratábase de descubrir e identificar, mediante o tacto, distintos obxectos e/ou produtos que teñen orixe mariña. E claro, como podedes imaxinar, entre estes obxectos apareceron elementos de orixe humana… pésimo!
E como premio a esta semana tan intensa no que a actividade se refire…, que mellor maneira que pechar o trimestre que levando os contos de prelectura que nos trouxo a SS.MM. o Rei Gaspar?... Algúns xa lemos sen axuda… bueno, unha pouquiña si que precisamos,... a do dediño lector!… xa o coñecedes?...


Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

5 comentarios:

Profe J.Ricardo dijo...

Este venres fará de derradeiro contacontos do trimestre:

- UNAI: "A casa da mosca chosca" (Edit. Kalandraka)

Anónimo dijo...

QUE CORTA SE ME FIXO ESTA AVALIACION, NON CHEGOU A NADA!!

Anónimo dijo...

Como pasa o tempo ...............

Xa viñeron os nosos nenos coas fichas desta avaliación, canto traballaron.

Dentro de nada xa serán os maiores de educación infantil

Boas mini vacacións, que ademais xa lle fan falla

Anónimo dijo...

Ola Jose Ricardo
Que tal che vai???
son MAURO, o teu pasado alumno

Profe J.Ricardo dijo...

Ola MAURO!... Xa vexo que aínda que estás máis súper-maior que nunca te sigues lembrando do noso blogue.

Agardo que tiveras unhas notas extra-xeniais para pasar unhas estupendas vacacións.

Un bico para ti e outro para FROILÁN.