Bienvenido

FLORES A ROSALÍA.

viernes, 8 de marzo de 2013

Sabiades que o 24 de febreiro foi o “Día de Rosalía”?... O 24 de febreiro está recollido oficialmente como o “Día de Rosalía de Castro” pola Consellería de Cultura e Educación no seu Calendario do Libro e da Lectura por ser a data do seu nacemento, de aí que dende a semana pasada, estemos traballando fragmentos dunha das súas obras máis celebérrimas: Cantares Gallegos.
Desta maneira, a semana pasada, cada clase do cole elaborou cadansúa flor para agasallar á súa familia no “Día de Rosalía”, unha iniciativa recollida pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
Houbo flores de todas as cores e para todos os gustos nas que cada clase do cole deixou voar a súa imaxinación. Flores elaboradas a partir de material de desfeito e refugallo, flores de plastilina, con gomets, flores con papel crepé, de seda... en definitiva, flores de mil millóns de cores que conmemoraban o “Día de Rosalía”, o 24 de febreiro.
No noso caso particular, entre todos e todas buscamos na Internet unha flor a dobre cara para colorear, picámola, pegámoslle papel celofán e... o noso toque persoal... purpurina, moooita purpurina!


Tamén durante a semana pasada, nas asembleas matinais aproveitamos para coñecer algún dato curioso da vida de Rosalía de Castro, momento que varios compañeiros aproveitaron para explicar ao resto do grupo que cando eramos pequenos, -máis se cabe-, visitaramos en Padrón a “Casa Museo de Rosalía de Castro”...
Estes momentos de achegamento á literatura galega, servíronnos para memorizar, recitar e mimar extractos poéticos de Cantares Gallegos, ao celebrarse o 150 aniversario da súa publicación, participando xunto aos nosos compañeiros e compañeiras de 4 ANOS A no recital poético organizado a nivel de centro na biblioteca... estivemos sensacionais!      
Por outra banda, e xa durante esta semana, co gallo da celebración do “Día Internacional da Muller Traballadora”, seguimos achegándonos a esta ilustre escritora galega, plasmando nunha actividade impresa as “flores a Rosalía” da semana pasada.
Para iso, ademais de completar o título escribindo o nome de “ROSALÍA”, decoramos a lámina con estampacións en témpera empregando un bastonciño de aseo persoal. Se ben é certo, entusiásmannos todas aquelas actividades nas que empregamos materiais e técnicas da linguaxe plástica, agora ben, iso de querer ser sempre os primeiros, é pouco ou nada compatible con actividades que requiren de tanta precisión.... paciencia, que non somos coches de carreira!


Esta secuencia de aprendizaxe, culminou hoxe coa conmemoración do “Día Internacional da Muller Traballadora” que introducimos a partir da lectura do conto de O país dos mandóns (Edit. Émbora) e Rosa Caramelo (Edit. Kalandraka). 

O país dos mandóns. (Edit. Embora)

Rosa caramelo. (Edit. Kalandraka)
Con estes contos, achegámonos a este día recoñecido no ano 1975 pola “Organización de las Naciones Unidas" (ONU) no que se conmemora a loita da muller pola súa participación na sociedade e no seu desenvolvemento íntegro como persoa.
Todo isto, viuse reflectido na asemblea matinal na que entre todos chegamos á conclusión de que as nosas mamás son SÚPER: súper-boas, súper-agarimosas, súper-alegres e... súper-traballadoras!!!
Deste xeito, quen máis e quen menos fixo a súa aportación na asemblea falando acerca do traballo que día a día desenvolve a súa tía, madriña, avoa, pero, sobre todo, a súa nai.
Así temos, dende nais que traballan en fábricas, ata nais que traballan en cafeterías, oficinas ou mesmo na casa... na casa?
Neste senso, moitos de nós, apuntamos moi acertadamente, o feito de que hai nais que traballan na casa: lavan a roupa, fregan a louza, pasan o ferro... ademais, por si todas estas cousas fosen poucas, teñen que lembrarse de enviarnos cada luns o mandilón e o vaso, de traer a ficha de lectura cada venres, de cumprir cada día o menú de merendas establecido dende principio de curso... 

MADRIÑA COCIÑEIRA!
MAMÁ PEIXEIRA!
MAMÁ E AVOA VARREDORAS!
MAMÁ MARIÑEIRA!














 




 




Sen lugar a dúbidas, sodes SÚPER e ÚNICAS... moitos parabens neste día!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

3 comentarios:

Profe J.Ricardo dijo...

Este venres fará de contacontos:

- CARLA S.: "Que susto!" (Edit. OQO)

Anónimo dijo...

Graciñas pola parte que me toca. Son unha mamá traballadora na casa e máis fora dela.

Eso si o libro que lle quedou na cabeciña ao meu neno foi o do Pais dos Mandóns !!!! leva toda a fin de semana falando del

Anónimo dijo...

FOMOS A PADRON A PROPOSITO PARA VER A ESTATUA DE ROSALIA QUE TANTO LLE CHAMA A ATENCION, E ATA SACAMOS UNHA FOTO CON ELA, PERO O QUE MAIS LLE IMPRESIONA E QUE CANDO ROSALIA LEE O SEU CUENTO, TEN O CORAZON ROTO PORQUE FALA TRISTE...E BAIXIÑO!