Bienvenido

QUEN OCUPA O MEU CORAZÓN?...

viernes, 15 de febrero de 2013

Semana breve, pero intensa tras os días de vacacións de antroido, entre todos e todas procuramos dar resposta a unha pregunta un tanto complicada... quen ocupa o noso corazón?...
A nosa aula, reflexo do contorno social no que vivimos, pretende converterse nun reflexo fiel da nosa realidade máis próxima, por iso, o xoves, traballamos o “Día de San Valentín”.
Non se nos escapa unha, así que mentres DIEGO, o súper-encargado do xoves desenvolvía as rutinas da asemblea, un dos nosos compañeiros dixo que hoxe era o “Día de San Valentín”, unha idea que serviu como eixo para a conversa que se establecería posteriormente.
Pero... que se celebra no “Día de San Valentín”?... Pois no “Día de San Valentín” os maiores celebran o moitísimo que se queren!
Pero como?... só os maiores?... Aquí houbo un silenzo total e absoluto ata que un dos nosos compañeiros dixo que cando era pequeno, -pequeno de guardería, matizou-, tivera moza.
Unha moza na guardería??... sen-pa-la-bras! Non sabemos se foi polo estupor que crearon no resto do grupo-clase as palabras do noso compañeiro, pero o caso é que rapidamente o protagonista aclarou que agora xa non tiña moza, e é que polo visto a nena xa tiña outro mozo... vaia lío!
As conversas e conclusións suscitadas a partir desta temperá historia de amor, foron moitas e interesantes.
O tema dos mozos e das mozas, resultou o máis controvertido e polémico, por iso acordamos falar máis que de “mozos”, de “amigos especiais” que serían eses amigos e amigas cos que fagas o que fagas sempre o pasas fenomenal. Polo tanto, os mozos e as mozas estarían reservados para os maiores: mamás e papás, madriñas e padriños, avoas e avós e... tamén para os profes?...
Ben, tendo máis ou menos claro iso dos “amigos especiais”, xurdiu unha nova cuestión: “queremos igual a todo o mundo?”... e máis que iso “quen ocupa o noso corazón?”...
Case todos e todas tiñamos máis ou menos claro que non queremos do mesmo xeito a mamá, a papá, aos avós, primos, amigos... son distintos modos de querer supeditados á estima que teñas cara esa persoa.
Nembargantes, iso de decidir quen ocupa os nosos corazóns custounos algo máis, decantándonos, na meirande parte dos casos, por aqueles seres queridos da nosa familia que se convirten en aliados inigualables en diferentes situacións da nosa vida cotiá.
Así, os nosos papás ocupan un posto de honra no noso corazón, seguidos moi de preto polas nosas mamás, irmáns, madriñas e avós... canto amor se respiraba, realmente precioso!



Ademais de todas estas conversas, o xoves levamos para agasallar a aquela persoa que non pode faltar no noso día a día, a aquela persoa que nos cuida, mima, protexe e... tamén se enfada con nós e castiga! un corazón con airon-fix ao que lle puxemos o noso nome.
Xa logo, reservamos un anaquiño de tempo dentro da xornada para “xogar a ser maiores”, e moi agarradiños da nosa parella de baile, danzamos a “canción dos namorados”. Aínda que ao principio certamente tiñamos vergoña, todos e todas acabamos soltándonos a bailar... foi súper-divertido!


Sen lugar a dúbidas, unha semana con toneladas concentradas de inocencia, quilos de espontaneidade e grandes dosis de imaxinación e enxeño que dan como resultado unhas conclusións... sempre xeniais!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

2 comentarios:

Profe J.Ricardo dijo...

Este venres fará de contacontos:

- TANIA: "A que sabe a Lúa?" (Edit. Kalandraka)

Anónimo dijo...

HAY QUE VER CON QUE COUSAS NOS SAEN ESTES NENOS. QUE DIVERTIDO TEN QUE SER ESCOITALOS RAZOAR.