Bienvenido

UNHA CASA NUN COGOMELO.

viernes, 30 de noviembre de 2012


Tras un Halloween-Samaín escalofriantemente divertido e un magosto sensacional, proseguimos na nosa aprendizaxe mergullados, antes da chegada do Nadal, en dous centros de interese que están resultando froitíferos para o noso desenvolvemento persoal: a casa e a familia.
Ao inicio de cada centro de interese, as asembleas matinais estanse convirtindo nuns excelentes aliados á hora de detectar cales son os nosos coñecementos previos sobre o tema obxecto de traballo.
Así, e aproveitando os nosos coñecementos previos sobre o centro de interese da casa, centrámonos no recoñecemento e identificación das dependencias, espazos e obxectos propios dunha casa. Isto, permitiranos unha autonomía crecente nas nosas vivendas e, sobre todo, na realización de actividades dentro da casa.
Pero… vivimos todos e todas nunha casa?... Nooon, nin moito menos! Este curso, traballamos dun xeito máis concreto e sistemático os diferentes tipos de vivendas establecendo diferenzas entre as casas e os pisos.
Entre algunhas das diferenzas máis destacables: nos pisos podemos subir a compra en ascensor, nas casas viven menos persoas que nos edificios de pisos, os edificios teñen máis ventás que as casas, dende os pisos altos “podemos ver a carreteira de Catoira”… témolo clarísimo!
Falamos longo e tendido sobre a estrutura das casas: teñen tellado, chan, paredes, ventás, balcóns, portas…, aprendimos que están construídas de ladrillos, tellas, cristal, madeira… e que a persoa encargada  de construílas é o ALBANEL. Descubrimos tamén que nalgúns lugares do mundo hai casas diferentes ás nosas: casas de cana, de xeo e algunhas de pedra que se construíron hai moitos anos, coma os castelos.
Uf, canto sabemos!, e que mellor xeito de plasmar as nosas aprendizaxes que debuxando a nosa casa ou piso segundo cada caso. Uns debuxos que cada vez se completan máis con pequenos-grandes detalles: a cheminea, o garaxe, o timbre "de fóra" e ata o número no que vivimos.






Por outra banda, e no tocante ao traballo do centro de interese da familia, primeiramente observamos as diferenzas físicas entre nenos e nenas: cor de pelo, de ollos, de altura… desenvolvendo xa actitudes de respecto e de aceptación.
Tamén, e dada a diversidade de situacións familiares existente na actualidade, falamos con naturalidade, sobre o feito de que os pais dalgúns compañeiros e compañeiras non viven xuntos, fomentando actitudes de afecto, de respecto e de valoración da estrutura familiar, así como de participación activa dentro dela.
Neste senso, o rincón de xogo simbólico (“rincón da cocinita”), convírtese nun recurso excepcional ao proporcionar situacións nas que actuamos, planificamos e tomamos a iniciativa en distintas tarefas relacionadas coa vida en familia: imos á compra no súper, coidamos dos bebés, poñemos a mesa e facemos a comida… distintas situacións nas que asumimos os roles sociais dos membros da familia favorecendo a construción da identidade persoal.
E para rematar… uns debuxos cargados de amor, agarimo e mimos, moooitos mimos…





Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

UNHA CONVIDADA ESPECIAL...

viernes, 23 de noviembre de 2012

A partir deste mesmo xoves, semanalmente teremos nas nosas casas unha convidada, pero non se trata dunha convidada calquera,… nooon!, trátase dunha convidada especial, nada máis e nada menos que a ra Pascuala.
Pascuala é unha divertida ra de cor verde que, grazas ás súas antenas, pode ver cousas que ninguén ve, como as que hai por dentro do corpo e os obxectos que están lonxe.
En cada unidade didáctica, Pascuala convírtese nun excepcional alicerce no que a través das súas historias aprendemos un pouquiño máis sobre a escola, a familia e, moi pronto, sobre o Nadal.
Pascuala atópase situada nun lugar privilexiado da aula, e xoga un papel importante en diferentes momentos do día: no momento da asemblea matinal e do conto, no momento do xogo libre e/ou dirixido nos rincóns, no momento do tempo de lecer… esta semana, ademais, acompañounos por vez primeira ao patio... foi xenial!



Na bolsa na que semanalmente viaxará Pascuala ás nosas casas, inclúense varios vestidos e mandilóns cos que vestir a Pascuala, ademais dun pequeno libro titulado: Pascuala vén á casa.
Neste libro, recompilaremos as experiencias vividas ao longo de cada semana coidando da nosa mascota de clase, a onde fomos, a que xogamos e que fixemos con Pascuala, que lugares visitamos, que membros das nosas familias coñeceu...
Neste senso, e ao igual que nas actividades da “Mochila Viaxeira” e do “Préstamo Semanal”, o profe explicou unha vez máis, o importantísimo que resulta que sexamos nós os encargados de escribir o texto da folla, para o que poderemos empregar lapises, rotuladores, ceras... sempre baixo a guía e supervisión do adulto, xa que na asemblea matinal de cada xoves, o anfitrión semanal de Pascuala explicará ao resto do grupo-clase todo o vivido durante a semana.
Este pequeno texto irá acompañado, preferentemente, dunha fotografía na que apareza Pascuala en actividades do noso día a día: xogando, durmindo, no coche, no parque... e en todos aqueles lugares significativos que forman parte do noso día a día... será unha semana colosal!
E cando Pascuala visite as casas de todos os nenos e nenas da clase, teremos unha pequena historia da nosa mascota de 4 anos nas nosas casas.



Coa posta en marcha desta actividade, preténdese fomentar actitudes de coidado e respecto cara a mascota da clase, pois é un obxecto que compartimos con todos os compañeiros e compañeiras da clase.
Asemade, inciámonos no sentido da responsabilidade, en tanto que deberemos ter moito coidado de que Pascuala non se estrague e facer que o pase ben nas nosas casas.
E para comezar,… Pascuala viaxou á casa de DIEGO. Ai, non, que é un piso!…


Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

A CASTAÑA CATARINA...

viernes, 16 de noviembre de 2012

A xornada de hoxe no cole resultou diferente, xa que celebramos a nivel de centro o Magosto, un día precedido dunha serie de actividades que dunha maneira amena e divertida servíronnos para descubrir algunhas das modificacións que se producen no contorno e na vida das persoas coa chegada do outono.
A ver a ver… que cambios trae consigo a chegada do outono?...
Pois que ás árbores lles caen as follas, que vai máis frío e xa non podemos ir á praia, que vimos máis abrigadiños ao cole…
Xa logo, e a través do conto da rá Pascuala, Unha casa nun cogomelo, coñecimos algún elemento característico máis do outono: os caracois, os esquíos, as catiuscas e chuvasqueiros, os ourizos das castañas e… os cogomelos!


Sen lugar a dúbida, as cores das follas das árbores foi un tema que nos suscitou gran curiosidade e interese, xa que ademais de ser de cor amarela e marrón, no outono, a cor das follas dalgunhas árbores, tamén son de cor laranxa e vermella. Este pequeno-gran descubrimento, plasmámolo nunha actividade impresa individual na que estampamos con témpera a unha árbore outonal, follas de cor marrón, amarela, vermella e laranxa… quedaron sensacionais!


Asemade, outra das actividades que marcaron as asembleas matinais, foi a incorporación como nova rutina da observación, manipulación e experimentación de froitos típicos do outono.
Nestas cestas que cada mañá traian os nosos compañeiros e compañeiras había distintos froitos; dende os máis representativos como as castañas e as noces, ata outros menos habituais que moitos de nos apenas coñecíamos, tales como as granadas, uns froitos que están cheíños de boliñas pequerrechiñas. Unha vez máis... mil millóns de grazas!


E por suposto, entre tanto, non podiamos esquecer a elaboración dos accesorios que lucimos na celebración do magosto.
Este curso, elaboramos un cesto para as castañas a partir de material de desfeito e refugallo. Cubrimos de papeliños de cores un tetra brick, parece un traballo doado, pero os papeliños non podían ir pegados de calquera xeito, e coma se dun crebacabezas se tratase, todos e todas decoramos o noso cesto para as castañas.


Tendo en conta que fai apenas dúas semanas que celebrabamos o Samaín-Halloween, non é de extrañar que nos custe un chisquiño diferenciar perfectamente unha celebración doutra. Por iso, e para despexar calquera tipo de dúbida, que mellor que facelo a través da lectura do conto de tradición popular de A castaña Catarina. Unha historia na que se amosa a partir das súas protagonistas, as castañas Catarina e Catuxa, o proceso de crecemento dunha castaña.

A CASTAÑA CATARINA

No Magosto, pasámolo fenomenal participando nos xogos populares que se organizaron no recinto do centro.

CARREIRA DE SACOS
CARREIRA DE SACOS







ATRAPA A CASTAÑA
ATRAPA A CASTAÑA


MACRO-CREBACABEZAS
MACRO-CREBACABEZAS


TRAGACASTAÑAS
TRAGACASTAÑAS





MAGOSTO DE CORES
Mentres participabamos en cada xogo, moi impacientes, agardabamos a que as castañas estiveran listas e preparadas para comer, algo que tivemos moi presente durante toda a xornada, xa que varios de nós no momento da entrada ao cole vimos nada máis e nada menos que... o lume para asar as castañas!













Xa na clase, e máis tranquilos, lembramos o cúmulo de experiencias vividas durante a xornada, unhas experiencias que abofé estarán patentes na aula propiciando descubrimentos, xerando aprendizaxes e contribuíndo a que día a día nos vaiamos facendo máis súper-maiores...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

COUSAS DE MAIORES...

viernes, 9 de noviembre de 2012

O prometido é débeda, por iso, esta semana farémosvos partícipes de que xeito estamos realizando moi pouquiño a pouco e con toneladas de paciencia concentrada os nosos primeiros exercicios de prelectura, moi atentos…
O curso pasado, cando estabamos en 3 anos, comezamos descubrindo as vogais, unhas vogais que vivenciamos e representamos mil millóns de veces empregando diferentes estratexias e materiais: a través do modelado de plastilina, convertímonos en equilibristas de circo camiñando por enriba delas seguindo sempre a súa direccionalidade correcta e ata memorizamos e mimamos a canción de La marcha de las letras de Miliki.
Simultaneamente ao descubrimento e progresiva identificación das vogais, redescubrimos tamén os números e as cores, así como tamén as formas planas básicas, partindo dun enfoque globalizador no que xogo e traballo se combinan creando un clima de diversión que tan grato e estimulador resulta para a nosa aprendizaxe.
Este curso, xa non somos os máis pequerrechos e pequerrechas do cole, e aínda que non deberiamos ter problemas para identificar e trazar correctamente as vogais, algún que outro segue amosando dúbidas e dificultades, por iso, despois do momento adicado ao patio -momento no que empregamos a lectura como actividade de volta á calma, como actividade de relaxación-, decidimos representar cada vogal a través do noso corpo.
Mediante a canción de La marcha de las letras de Miliki primeiro…


E combinando posturas no chan, despois… velaí tedes os resultados! Uns resultados que agardamos, agora si que si, se traduzan en aprendizaxes.

"A" de "AVIÓN"
"E" de "ELEFANTE"



"I" de "IGREXA"

"O" de "OSO"
"U" de "UVAS"















Unha vez identificadas as vogais, tamén o curso pasado memorizamos o abecedario.
Deste xeito, nas asembleas matinais, descubrimos o trazo de cada grafema, asociando máis tarde palabras: “B” de “BUZÓN”, “C” de “CARLA S./V.”, “D” de “DIEGO”… e así sucesivamente.
Ademais, e para que estas asociacións nos resultasen significativas, partimos de palabras do noso día a día, e que mellor palabras que os nomes dos nosos compañeiros e compañeiras de clase, para o cal, si lembrades, elaboraramos o “Libro dos Nomes”, un libro que se atopa no rincón da biblioteca e co que cada día xogamos aprendendo e aprendemos xogando.


Bueno, pois tras estes pequenos-grandes pasos levados a cabo o curso pasado, agora toca xuntar as consoantes con cada vogal para ver que sons emiten.
Comezamos co “M”, logo co “P” e “L”, e agora estamos co “S”, sen esquecer, por suposto, os sons silábicos das outras consoantes traballadas.
Como rutina, cada día o súper-encargado/a, escribe as sílabas que se van indicando en cada caso, ao xeitiño, a modo, e cada sílaba nun recadro…


Asemade, o súper-encargado/a, le as palabras que cada día o profe escribe no encerado partindo sempre dos sons traballados ata o momento tales como: “MAMÁ”, “PIPA”, “LOLA”, “OSO”, “LUME”, “MESA”, “PALO”, “LISO”, “MISA”…
Neste momento da xornada, o máis importante é que o súper-encargado/a non quede calado, que pense sen présa e lea en voz alta… e se equivoca?... pois non pasa nada!
Todo isto vese complementado con cada actividade impresa á que lle escribimos un título, así como tamén co rincón do encerado, no que no momento do xogo libre escribimos os nomes dos nosos compañeiros e compañeiras e outras palabras que xa temos automatizadas, e despois… a debuxar!


Por si todo isto fose pouco, esta mesma semana, e logo de que tamén o súper-encargado/a realice no momento da asemblea sumas sinxelas que dan como resultado máximo o número 4, fixemos as nosas primeiras sumas en papel, unhas sumas que nos resultaron complicadísimas… non son as mesmas que no encerado?... Nada que non se subsanara días despois cun entusiasmo e entrega total cara as sumas que aparecían nas fichas… moooi ben!



Así que xa o sabedes, cando nos vexades aburridos e aburridas, e dispoñades dun pouquiño de tempo, non dubidedes en poñervos a ler con nós, a escribir palabras sinxelas e significativas, a facer sumas e series doadas... estas cousas de maiores son súper-rechiflantes!   
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!