Bienvenido

UNHA ORELLA PARA ESCOITAR...

viernes, 21 de septiembre de 2012

Aquí estamos, logo da nosa primeira semana de cole e tras as festas de Rianxo, que dicimos festas, súper-festas de Rianxo, porque mira que deron de si nas asembleas matinais... foron un non parar!: que si o gusano, as colchonetas, os toros..., menuda!
Dado que estamos comezando un novo curso, -estamos xa na clase de 4 anos-, esta semana aproveitamos para lembrar algunhas das normas e rutinas establecidas o curso pasado, ao mesmo tempo que introducimos algunha nova, especialmente no momento da asemblea.
Así que moi atentos e silenzo que, a través do blogue faremosvos partícipes do que facemos cada día nas asembleas matinais, preparados?...
O primeiro de todo, tras poñer e abotoar debidamente o mandilón, damos os “Bos Días” ao resto de compañeiros e compañeiras e ao profe, e para ir espertando, cantamos a canción dos “Bos Días”. Este curso trátase dunha canción diferente que aprenderemos por estrofas en cada trimestre, a primeira das estrofas está xa case case...
Xa logo, o profe designa os “Coordinadores de Equipo”, cuxa misión é a de coller e recoller as caixas das pinturas e os botes dos rotuladores, así como de repartir os libros prestando moooita atención aos nomes para non equivocarse.
Pero sen lugar a dúbidas, o verdadeiro protagonista da asemblea é o súper-encargado.
Son moitas e variadas as funcións do súper-encargado:
  • elixe a pegatina para que o mandilón do profe esté ben bonito,
  • realiza a fichaxe de ausencias e presenzas dos nenos e das nenas e fai o reconto final,
  • este curso comezamos a realizar con paciencia, operacións matemáticas sinxelas, moooi sinxelas,

  • tamén escribe o seu nome e o da mascota (PASCUALA), así como outras palabras que resulten sinxelas. Comezamos con palabras significativas do centro de interese que estamos traballando en cada unidade didáctica.

  • escribe as letras do abecedario que o resto de compañeiros e compañeiras van ditando, os números do 1 ao 9 e o 0,

  • realiza a constatación do tempo atmosférico e consigna os resultados no panel do coello espacial,
  • elixe que neno ou nena irá de primeiro na fila de comedor...
Tamén como novidade, este curso no momento destinado ao xogo libre nos rincóns, o súper-encargado xogará no ordenador... fabuloso!


Na asemblea, ademais de todas estas tarefas, entre todos e todas repasamos a grafía dos números do 1 ao 9 e o 0, así como a grafía das letras do abecedario, asociando palabras a cada letra.
Como colofón final, o súper-encargado lembra a actividade impresa realizada o día anterior e o profe organiza a xornada de cada día: explica que actividade ou actividades levaremos a cabo, os especialistas de cada día...

Pero é que durante esta semana, tamén levamos a cabo as nosas primeiras actividades impresas que lle serven ao profe para realizar unha avaliación inicial acerca dos nosos coñecementos, acerca das nosas aprendizaxes, daquilo que lembramos e do que non... e así poder actuar en consecuencia durante as vindeiras semanas.
Esta semana centrámonos na lecto-escritura. Os resultados non defraudaron, non estiveron mal, pero foi unha mágoa que moitos de nós estivésemos cunha actitude de cansancio permanente e non aproveitáramos máis o tempo... pouco a pouco voltaremos a ser os de antes... incansables!


Ademais, e tendo en conta a fin das vacacións, aproveitamos para plasmar nun debuxo aquilo que máis nos entusiasmou de todo este tempo sen cole. Había debuxos para todos os gustos: na praia, na piscina, no parque...
Para ser a nosa primeira semana de cole, non estivo nada, pero que nada mal... 
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

1 comentarios:

Anónimo dijo...

Como lle costara a algúns, este veran foi demasiado divertido..paciencia José Ricardo....