Bienvenido

PAPELOTE MARCHOU... PERO PASCUALA QUEDOU!

viernes, 28 de septiembre de 2012

Siii, Pascuala xa é unha máis da clase!... e esta semana, descubrimos algunha curiosidade da nosa nova mascota.
Como xa explicaramos, este curso dixemos adeus a Papelote e a Papeliño e quedamos con Pascuala. Pascuala é unha divertida ra de cor verde que, grazas ás súas antenas, pode ver cousas que ninguén ve, como as que hai por dentro do corpo e os obxectos que están lonxe.
Pascuala atópase situada nun lugar privilexiado da aula e en cada unidade didáctica converterase nun excepcional alicerce que nos presentará, a través das súas aventuras, cada centro de interese: o colexio, o outono, a familia, o Nadal, a primavera... será súper-divertido!
Queredes coñecer cal é a súa historia?…Velaí vai un resumo!

Papelote e María non estaban contentos, estaban contentíiisimos…
Aquel día comezaba o cole outra vez e volverían ver aos seus amigos e amigas. Xa tiñan 4 anos!
Na clase, había dous nenos novos, Fernando e Rosalía, uns irmáns xemelgos que viñan doutro país.
Pero non todo ía ser bo, había unha mala nova: Papeplote e María só foran ao cole deixar a caixa máxica de papeliños de cores e despedirse. Marchaban a un lugar que estaba moi lonxe porque os pais de María, que eran mestres, ían traballar alí.
A nova fixo que todos se puxesen un pouco tristes, pero a profe prometeulles que, de cando en vez, falarían con eles por teléfono e mandaríanlles fotografías.
De súpeto, preto do encerado, oíuse un ruído: “plof!, cataplof!”. Había unha ra dentro da clase!
Pascuala, que era como se chamaba a ra, explicoulles que ela quería ser unha nena en vez dunha ra, pero o Trasno Pillabán e a súa poesía “convertecousas”, unicamente conseguiron facer medrar as mans, os pés e a cabeza de Pascuala. En lugar de medrarlle o pelo a Pascuala, saíronlle dúas antenas na cabeza que fan que os seus ollos vexan o que ninguén pode ver. Pero o problema máis gordo foron as zapatillas, non medraran e seguían sendo moi pequenas para os seus pés. Por todo iso, Pascuala estaba moooi enfadada… nin era unha nena nin tampouco era unha ra.
Foi entón cando Papelote, colleu a súa caixa de papeliños, meteu as zapatillas pequeniñas e… saíron grandes!
Pascuala mirouse no espello e, por primeira vez, sorriu de orella a orella. Estaba tan contenta que lle pideu á profe se podía quedar no cole. A profe lle dixo que por suposto podía quedar, pero cunha condición; Pascuala tería que aprender a portarse ben como o resto de nenos e nenas.

Ademais de traballar o conto nas asambleas matinais, para seguir familiarizándonos coa nosa nova mascota, coloreamos cadanseu debuxo de Pascuala, amodiño e ao xeito. Unha única consigna, a cara, o pescozo e as mans de Pascuala, desta vez non serían de cor carne,… senón de cor verde!
Para acostumarnos a ir poñéndolles “título” a cada ficha -agora, xunto coa de poñerlle o noso nome, escribir o “título” será unha rutina máis de cada actividade-, nesta actividade impresa aproveitamos para escribir por primeira vez o nome de PASCUALA, unha letra de cada cor e prestando moita atención, xa que os rotuladores… non se poden borrar!
Os resultados?... xulgade vos mesmos!



Asemade, fixemos cadanseu debuxo de Pascuala, unha actividade na que se viviron momentos interesantes xa que... as ras teñen orellas?, e uñas?... As ras teñen dedos?... A estas e a outras preguntas intentaremos dar resposta desenvolvendo un pequeno proxecto de investigación sobre as ras e no que a colaboración das familias, unha vez máis, será fundamental...
Os debuxos coma sempre, de todos os tipos e para todos os gustos. Pascualas con antenas moi grandes e puntiagudas e Pascualas con antenas pequerrechiñas que semellaban orellas. Tamén Pascualas de mandilón e Pascualas con pantalón, con pestanas unhas e con pendentes e beizos pintados outras… O que si quedou claro é que cada vez nos soltamos máis á hora de debuxar e, pouco a pouco, os nosos debuxos estanse a convertir en auténticas obras de arte... quedaron unhas Pascualas estupendas!





Ademais de todas estas actividades, e sen esquecer que durante a xornada temos tempo para facer de todo. Pascuala xoga un papel importante en diferentes momentos do día: no momento da asemblea matinal e do conto, no momento do xogo libre e/ou dirixido nos rincóns, no momento do tempo de lecer…
Sen lugar a dúbidas, Pascuala está a cumprir o que lle prometeu á súa profe e estase portando ás mil marabillas. Se segue así, quizáis moi pronto comece a visitar as nosas casas para coñecer ás nosas familias… quen se apunta?
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

3 comentarios:

Profe J.Ricardo dijo...

El próximo Viernes hará de cuentacuentos:

- DANIELA: "O monstro de Ricardo". (Edit. Kalandraka)

Anónimo dijo...

Seguro que este ano o van a facer de maravilla, xa teñen experiencia!

B.C dijo...

Bueno,bueno pero requetebueno!!!!!
Es que nadie va a celebrar las 20.000 visitas de "Sonrisas y Mandilones"????!!!

FELICIDAAAAAADEEEEEEEEEEEEEEEEESSSSSSS!!

Por cierto, me dijo un pajarito que el profe tiene una primita, hermanita o familiar de la rana Pascuala para el mandilón....es que no nos la va a enseñar????

Un besazo