Bienvenido

NÓS LEMOS... E TI?

viernes, 11 de mayo de 2012

A partir desta semana, incorporamos unha nova rutina á nosa parrilla de clase, a do préstamo de biblioteca, unha actividade cunha periodicidade semanal que se convertirá nun indiscutible recurso didáctico para o desenvolvemento lingüístico e para a consabida adquisición de técnicas vinculadas co proceso de lecto-escritura.
Trátase dun préstamo semanal (de venres a venres) que propiciará un sempre grato encontro co mundo dos contos e da lectura que creará un clima que resulta tan grato e estimulador para a aprendizaxe.
Ademais, tamén servirá para que nos familiaricemos coa dinámica da biblioteca -unha das nosas asignaturas pendentes este curso-, para que nos ilusionemos cun ambiente propicio á lectura no ámbito escolar e familiar e tamén para que nos contaxiemos do entusiasmo dos libros como portadores dun mundo máxico e marabilloso.
Ao longo de cada semana, coa axuda das nosas familias traballaremos o conto escollido co obxectivo de comprender a súa liña argumental, xa que cada venres, nomearemos dous contacontos por rigurosa orde da casiña do panel de rutinas, que “lerá” o conto ao resto de compañeiros e compañeiras a través da intepretación das imaxes e ilustracións co compoñen.
A través da narración dos contos, aprenderemos a escoitar, a pensar, a  adquirir un primeiro código moral, a ver as cousas cos ollos da imaxinación, estimulando a creatividade, o pensamento diverxente e o sentido crítico.
Entre as moitíiisimas actividades que podemos levar a cabo a partir do conto están: as actividades de comentar que axudan a asimilar o conto e a realizar unha trasposión dos feitos ás experiencias vividas, actividades de xogo dramático, representando os roles dos protagonistas do conto, tamén actividades de creación de historias como a ensalada de fábulas ou o binomio fantástico propostas por Gianni Rodari na súa obra Gramática de la Fantasía (1985).
Unha das actividades que levamos a cabo na clase a partir dos contos son as actividades de ilustración, como debuxar o noso personaxe favorito do relato ou a escena que máis nos gustou, obtendo como resultados uns debuxos aos que nos lles falta detalle. Ollade a esta Carapuchiña Vermella con lobo, cazador e bosque... rechiflante!


Moi entusiasmados coa actividade do préstamo, o venres fomos á biblioteca non sen antes lembrar as normas que debemos seguir cada vez que acudimos ao pabillón dos maiores: sempre ben agarradiños na fila, soltámonos para subir e baixar as escaleiras que unen cada pabillón e, o máis importante e que máis nos custa... boca pechada!
Xa na biblioteca, sentámonos nas sillas dos maiores -estas si que son altas- e lembramos as normas, usos e funcións da biblioteca: para que serve, que podemos atopar...
Logo, o profe foinos presentando un a un os contos que levaremos de préstamo.
Así, temos contos como: Orejas de mariposa (Edit. Kalandraka), Corre corre cabaciña (Edit. OQO), Mateo (Edit. Kalandraka), Avós (Edit. Kalandraka), Paco Papán (Edit. OQO)... algúns deles xa os coñeciamos, e outros, descubrímolos durante estes días nas asembleas matinais.
Logo, e tras lembrar que cada semana os contos deberán vir en perfecto estado, -non se poden colorear, raiar, recortar, romper...-, comezamos co proceso de selección, un proceso que suscitou polémica, pois case todos queriamos os mesmos contos. O conto de Renato (Edit. Kalandraka) e o conto de O monstro de Ricardo (Edit. Kalandraka), foron, sen dúbida, os que máis seguidores tiveron...

RENATO (Edit.Kalandraka)
O MONSTRO DE RICARDO (Edit. Kalandraka)

Nin moito menos esta situación supuxo problema algún, xa que todos e todas tiñamos claro que os únicos que podían elexir conto serían os dous contacontos de cada semana. Nesta ocasión Lois, escolleu o conto de Os sete cabritos (Edit.OQO) e Daniela escolleu o conto de A que sabe a Lúa? (Edit. Kalandraka)... estamos seguros que serán uns contacontos colosais!


O resto, participamos nunha dinámica sinxela. Unha vez dispostos os contos nas mesas da biblioteca, tiñamos que movernos ao seu redor ao son dunha cantinela e, unha vez que parabamos de cantar, tiñámonos que sentar na cadeira que estaba ao noso carón e... tachán... conto escollido!












Comprobaredes que, aínda que o noso primeiro curso no cole dos maiores está entrando na súa recta final, non deixamos de incorporar novidades á nosa parrilla de clase; unhas novidades que coa axuda das nosas familias convírtense en experiencias de ensinanza-aprendizaxe que non fan senón contribuír ao noso desenvolvemento integral.
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: