Bienvenido

"SAL, SOL SOL SOLITO..."

viernes, 30 de marzo de 2012

E por fin, por fin chegaron as tan merecidísimas vacacións de Semana Santa, pero para pechar este trimestre de traballo e superacións cotiás como se merece, estes derradeiros días adicámonos a coller un pouquiño máis de seguridade no desenvolvemento da nosa expresión plástica, convertíndonos en pequenos-grandes artistas…
O certo é que apenas queda nada daqueles garabatos e trazos sin sentido que realizabamos durante o primeiro trimestre cando o profe nos daba un folio en branco e nos pedía que debuxaramos o que quixeramos.
Un folio en branco?... Uf, que medo! E que eu non sei debuxar!!
Afortunadamente, estes temores iniciais cara a expresión plástica, pouco a pouco van desaparecendo, e os garabatos descontrolados e trazos sin sentido do primeiro trimestre están dando paso ás nosas primeiras producións elaboradas. Siii, xa o sabemos, ás veces o resultado non semella en absoluto o que queremos expresar, pero cunha tonelada e media de imaxinación, os maiores poderedes contemplar esa nave espacial, ese helicóptero ou ese lobo que nos debuxamos, así que paciencia…
Así pois, quen máis e quen menos xa é capaz de lograr un esbozo completo e cada vez máis coidado do esquema corporal: cabeza con ollos, nariz, boca, orellas e pelo, tamén o pescozo, tronco e extremidades; e todo isto empregando para cada elemento unha cor diferente, uns resultados sensacionais!
Ademais, estamos comezando a completar os nosos debuxos con outros elementos que contribúen a dar unha visión de conxunto estupenda das nosas producións plásticas: soles, nubes, arcos da vella, herba, flores… non lles falta detalle!
Así, esta semana, e tendo en conta o tempo tan soleado que estamos tendo durante estes días, coñecimos, dramatizamos e mimamos unha nova canción vencellada co Sol, realizando unha actividade impresa na que aparecía o estribillo da devandita canción e na que tiñamos que debuxar soles. Hai soles para todos os gustos: amarelos, laranxas, con raios vermellos, de punta… pero soles, ao fin e ao cabo… sensacionais!



Por outra banda, un día no que o profe reservou un anaco da xornada para o debuxo libre, un dos nosos compañeiros máis enxeñosos, fixo un debuxo diferente, un debuxo no que se vía claramente o que debuxara… nada máis e nada menos que debuxara a súa casa!
Esta situación, propiciou unha conversa espontánea na que descubrimos que algúns vivimos en casas, que outros vivimos en pisos e que outros vivimos en casas e, “ás veces, en pisos”.
Así, e dada a expectación suscitada polo súper-debuxo do noso compañeiro, outro día, o profe pideunos que debuxaramos onde vivimos. Os resultados revelaron que, si ben é certo, aínda non temos moi clara a diferencia entre casa e piso -algo normal da nosa idade-, en cambio os debuxos, os debuxos…, bueno, mellor xulgade vos mesmos…


E agora?... Pois a disfrutar destes días de vacacións que ben merecidas as temos…
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: