Bienvenido

EXTRAAA, EXTRAAA!!!...

viernes, 16 de marzo de 2012

Sabedes que esta semana foi a Semana da Prensa?... Pois si, e no noso cole esta actividade conmemorativa recollida no calendario escolar non pasou desapercibida e organizáronse distintas actividades nas que descubrimos aspectos vencellados con este medio de comunicación social.
Así pois, para a próxima semana, no cole publicarase un número do xornal “Voces Rianxeiras”… non, tranquilos, “Ondiñas veñen”, a revista que cada curso elaboramos entre todos os nenos e nenas do cole non desapareceu, nin moito menos, pero este curso decidiuse rescatar o xornal do cole que, tras anos sen publicarse, para a vindeira semana sairá unha nova edición. Tendo en conta todas as clases do cole, decidiuse organizar o traballo por seccións: deportes, cultura, sociedade, pasatempos… No noso caso tocounos a sección do tempo, unha sección na que quen máis e quen menos xa é un pequeno-gran experto, pois cada mañá, dentro das rutinas da asemblea que leva a cabo o súper-encargado, está a constatación do tempo atmosférico na que debe decidir o casco que lle pon ao coelliño espacial atendendo ao pictograma correspondente de sol, sol con nubes, nubes ou choiva, segundo o día que vaia.

Xunto cos nosos compañeiros e compañeiras de 3 anos A, convertímonos en nenos e nenas do tempo, así que estade moi atentos…


Asemade, o xoves achegámonos un pouquiño ao traballo das persoas que cada día elaboran os xornais e fan posible que dende primeiriña hora da mañá os maiores poidan coñecer as novas do día a día, e todo isto da man dunha anfitriona insuperable… unha xornalista!
Previamente, na asemblea conversamos acerca do traballo dos xornalistas, xa que non estabamos moi postos co tema, nembargantes, entre todos e todas chegamos a interesantes conclusións acerca desta profesión.
Xa na biblioteca, a xornalista convidada polo centro explicounos algunhas das seccións dun xornal, tamén onde escriben as novas, como fan para que os xornais estén na rúa a primeira hora da mañá…




















Ademais disto, como xornalista que é, tamén nos fixo a nós preguntas acerca das novas que máis nos impactaron ou chamaron á atención. Sen lugar a dúbidas, as novas que tratan o tema dos dinosaurios e dos volcáns son as que máis nos interesan. Si, de maiores queremos ser xornalistas! Pero… canto hai que ler, non?


Agora, a vindeira semana, despexaremos unha dúbida, xa que… cal é a nova rutina que a partir do luns incorporaremos á asemblea matinal? Seguide moi atentos ao noso blog que axiña vos daremos boa conta dela…
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

2 comentarios:

Anónimo dijo...

UN TRABALLO EXCELENTE PARA SER OS MAIS PEQUERRECHOS DO COLE...

SAUDOS.

Profe Silvia dijo...

Que ben o pasamos converténdonos nos nenos e nenas do tempo, pero coidado que nos espera un tempo un pouco tolo, así que... tende todo a man: chuvasqueiro, bufanda, bañador.

Os nenos e nenas de 3 ANOS A e a profe Silvia.