Bienvenido

BON VOYAGE CARLA S.!!!

viernes, 9 de marzo de 2012

Coa enerxía propia dun luns e coas pilas ben cargadas logo de disfrutar da fin de semana, comezabamos a semana coas rutinas de entrada que vimos levando a cabo dende o inicio do curso: posta e abotoado do mandilón, asemblea coa elección do súper-encargado, fichaxe de ausencias e presencias, constatación do tempo atmosférico e actividades de lecto-escritura e de lóxica matemática. Todo isto sen esquecernos por suposto, de reservar un tempo para contarlle ao resto de compañeiros e compañeiras e ao profe do que fixeramos durante a fin de semana… hoxe é luns!
O que non sabiamos é que o profe tiña unha nova que darnos, e non unha boa nova precisamente… Carla S. marchaba para outro cole!
Nun primeiro momento non nos decatamos da importancia da nova, xa que pensamos que pasados uns días a mamá de Carla S. a voltaría traer de novo ao cole, pero nin moito menos. Carla S., explicounos que marchaba para un cole que estaba moi moooi lonxe, tan lonxe que non iría en coche nin en autobús… iría en avión! Carla S. marchaba para un cole de París.
Xuntos pasamos o noso primeiro trimestre no cole dos maiores disfrutando do magosto, do Halloween, do Nadal, e tamén gran parte do 2º trimestre aprendendo xogando e xogando aprendendo.



Estamos seguros de que no teu novo cole axiña farás novos amigos e amigas, sen esquecerte nunca, de que aquí en Rianxo, deixas a 17 nenos e nenas que sempre se lembrarán de ti cun especial cariño.
Deste xeito, para que Carla S. nunca se esqueza de nós, lle preparamos un libro no que fixemos un debuxo de Carla S.: ollos, nariz, boca, orellas, pelo, pescozo, tronco e extremidades, e por suposto, as pestañas e o lazo na cabeza non podía faltar… toda unha princesa, guapísima!


Aquí, antes da despedida final, varios candidatos a acompañala na súa viaxe a París, segundo dicían: “a súa nai lles deixaba ir”… que inocentes!
Como dato anecdótico, o venres faltou Daniela, a nosa Daniela, e claro, xa nos puxemos no peor dos casos posibles… Daniela foise para París con Carla S.?, xa non vai volver?... Caras de estupor e as bágoas do seu “amiguiño do alma”… que nooon, que o luns temos a Daniela de novo connosco!

Como xa sabedes no noso cole non se para nin un minuto, e o xoves 8 de marzo celebramos o Día Internacional da Muller Traballadora, ou “traballeira”, como dicimos algúns de nós.
Este día foi recoñecido pola “Organización de las Naciones Unidas" (ONU) e conmemórase a loita da muller pola súa participación na sociedade e no seu desenvolvemento íntegro como persoa.
Todo isto, viuse reflectido na asemblea matinal, na que entre todos chegamos á conclusión de que as nosas mamás son SÚPER: súper-boas, súper-agarimosas, súper-alegres e... súper-traballadoras!!!
Logo de co profe nos explicase porque se celebraba este Día e que era o que se pretendía conmemorar, quen máis e quen menos fixo a súa aportación na asemblea falando acerca do traballo que día a día desenvolve a súa tía, madriña, avoa, pero, sobre todo, a súa nai.
Había ocupacións de todos os tipos e sectores: avoas que fan camisas e pantalóns, “mamás que traballan en cafeterías, mamás que son panadeiras...
Outros nenos e nenas en cambio, apuntaron cas súas nais non traballaban en nada... en nada? Bueno, o que intentaban dicir era que non realizaban ningún traballo remunerado fora do fogar, pois o feito de que queden na casa non implica, nin moito menos, que non fagan nada.
Este ano, o acto conmemorativo organizado no cole adicóuselle a Rosalía de Castro por ser o 175 aniversario do seu nacemento e para iso aprendemos un extracto da poesía “Adiós ríos, adiós fontes”.



Xa na biblioteca do cole, xunto cos nosos compañeiros e compañeiras de 3 anos A, lembramos algunhas das ideas traballadas na clase acerca do día que se conmemoraba hoxe, en que traballaban as nosas mamás, avoas, madriñas... e coñecimos algúns datos acerca da vida de Rosalía de Castro, e aquí o anecdótico do evento...
Resulta que na proxección seleccionada na que se musicaba o poema que recitaramos, saian imaxes do panteón no que fican os restos de Rosalía de Castro, así como estatuas e monumentos adicados a esta ilustre escritora galega, as conversas cruzadas non tardaron en aparecer:
- Rosalía de Castro non está viva?
- Pois non, fai uns cantos anos que morreu.
- Que home a matou?...
- Non, non a matou ningún home, morreu porque estaba enfermiña.
- Enfermiña?... A miña avoa tamén está enfermiña!
- Si, e o meu avó tamén está enfermiño...
- Profe, eu quero ver os ósos de Rosalía de Castro. Onde están?
- Están en Santiago de Compostela, pero iso non se pode facer.
- E por que?
- Pois porque están metidos nunha caixa que resulta imposible de abrir.
Moi atentos ao noso blog, xa que si nos portamos como lle gusta ao profe, axiña teredes novas das sorpresas que nos agardan ao longo destas semanas antes das vacacións de Semana Santa...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

3 comentarios:

Anónimo dijo...

AGORA XA SO NOS QUEDA UNHA CARLA.
BOA VIAXE!!!!!

Anónimo dijo...

RICARDO ENCANTAME O TEU BLOG,AGORA VAMOS A XOGAR UN POUCO, QUE E MOI DIVRTIDO.BICOS PARA CARLA.S. DE UXIA E LOIS

Anónimo dijo...

CANTAS NOVIDADES PARA SO UNHA ENTRADA !

CARLA SEIJAS, QUE CHE VAIA MOI BEN EN PARÍS E AGARDO QUE NUNCA NOS ESQUEZAMOS DAS AVENTURAS VIVIDAS CONTIGO !!!!!!!!

MOITOS BICOS