Bienvenido

CU-CÚ, TRAS-TRAS...

viernes, 17 de febrero de 2012

Si, si, si, o antroido xa está aquí! E hoxe, como colofón a unha semana diferente no que levamos a cabo distintas actividades relacionadas co antroido, viñemos ao cole disfrazados... foi xenial!
Como vén sendo habitual, o día de hoxe estivo precedido dunha semana chea de “antroidadas”, pois, para celebrar a chegada do Antroido, un curso máis, o cole dispuxo nos corredores do pavillón norte e sur o “Toribiño”. Que non sabedes quen é?...
O Toribiño é un esquelete que, cada curso visita o noso colexio cun cometido: día a día encárgase de comunicar cal é a consigna establecida, en canto a indumentaria se refire, que debemos traer o próximo día ao colexio. Este curso, o aspecto do Toribiño mudou sustancialmente respecto ao doutros cursos, xa que estaba disfrazado de... bueno, isto non o temos moi claro, mentres que para un ía disfrazado de momia, para outros ía de indio “sen ollo”.
Deste xeito, o luns tocou levar unha flor, o martes unha garavata, o mércores un mandil e o xoves un bigote. Que non vos facedes unha idea de como iamos?... Pois velaí nos tedes!

Ademais de todo isto, seguimos aprendendo novas cousas acerca dos indios a partir dunhas actividades impresas nas que escribimos as palabras INDIO e VAQUEIRO a partir dun modelo e traballamos de xeito máis sistemático algúns dos elementos máis representativos da cultura india como os tótems ou os tipis.


Acaso dubidábadelo?... Por suposto que o martes reservamos un anaquiño de tempo para sentir bolboretas no estómago e “xogar a ser maiores”, xa que iso do amor, está reservado para as mamás, os papás e... tamén para os profes?... Neste día agasallamos cun corazón no que estaba escrito o noso nome a esa persoa da nosa familia que tanto queremos: papás, avós, madriñas e... ás nosas mamás, sodes as máis queridas polos nenos e nenas!
Ademais disto, moi agarradiños da nosa parella de baile, danzamos un par de veces unha canción alusiva ao “Día dos Namorados” e, aínda que ao principio tiñamos unha pouquiña de vergoña, todos e todas acabamos soltándonos a bailar... foi súper-divertido!






















Por outra banda, o xoves asistimos á biblioteca do noso cole onde, nenos e nenas da agrupación "Vai de Roda", explicáronnos algunhas tradicións e costumes da celebración do antroido nas 4 provincias galegas.

Ademais, os nenos e nenas de dita agrupación, agasalláronnos con varias danzas representativas da zona: que colorido tiñan os seus traxes e vaia sombreiros!..., e entre as compoñentes da agrupación, Silvia, a irmá de Sergio.

Finalmente, o colofón final para o antroido deste curso foi a festa de disfraces que se organizou en cada aula, tocaba vir disfrazado do que quixeramos, e converternos, aínda que só fose por un día, no noso súper-heroe ou princesa preferida, había disfraces para todos os gustos: bruxas, pingüíns, abellas, crocodilos, indios...

Para ese día, ademais, a nivel de centro organizouse un recital no que cada clase do cole lle tiña que cantar a outro grupo unha copla alusiva ao antroido. Ao longo da semana, preparamos a canción de “Mi disfraz” no que se conta a historia dun pallaso de circo: memorizamos, mimamos e dramatizamos cada estrofa ata que o venres, antes da rutina da merenda, a cantamos á clase que nos tocou no sorteo do centro.
A que non sabedes con que clase nos tocou o intercambio de cancións? Pois tocounos cos nenos e nenas que tiña o curso pasado o noso profe. Asemade, e como nos pillaron rematando unha das actividades impresas do proxecto dos indios, aproveitamos o momento para darlles a coñecer algunhas das curiosidades aprendidas acerca dos indios.
Nin que dicir ten, os súper-maiores do profe viñan requete-guapísimos con disfraces extra-xeniais!... o certo é que non saberiamos por cal decantarnos... estaban sensacionais, non si?

Ao tratarse dun día diferente, a rutina da merenda tamén resultou especial, e para iso, o profe dispuxo na mesa grande todos os postres de antroido que cada un de nós aportou, había de todo: roscas, freixós, orellas... uuummm, delicious!!!
Sen lugar a dúbidas unha semana repleta de actividades que dado o cúmulo de experiencias vividas serven como alicerce no noso proceso de desenvolvemento integral, contribuindo á comprensión do noso pequeno-gran mundo. Non estades notando que día a día nos estamos facemos máis maiores?... os logros, nalgúns casos, son espectaculares... parabens!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Que sinfin de actividades,é loxico que ca estimulacion que lle das os peques, sexan yan espabilaos"
Como disfrutan

Anónimo dijo...

QUE GUAPOS E GUAPAS!!!!!!!!!!!
PERO O PROFE DISFRAZOUSE?????

Anónimo dijo...

Qué simpáticos, y los mayores...qué mayores!!!!
Al igual que Papelote, el profe iba disfrazado de Indio.....

Un besazo para Ricardo y sus peques