Bienvenido

... PREPARADOS?

jueves, 1 de septiembre de 2011

Siiiiiii, xa estamos aquí!!!... Como, que non sabedes quen somos?... Somos nós, as novas “Sonrisas y Mandilones”, que ao longo deste curso vos contaremos a través do noso blogue aquelas actividades e experiencias que forman parte da vida cotiá da nosa aula propiciando un senfín de experiencias de aprendizaxe. Agardamos que vos gusten…

Este curso será moi importante para nós, trátase nada máis e nada menos que do noso primeiro curso no cole dos maiores: uff, que nervios!
Estamos a piques de comezar unha nova etapa nas nosas vidas nas que van intervir persoas que resultan descoñecidas para nós; por iso, é importante que colaboredes cos mestres e mestras en todo este proceso contándolle cousas sobre nós porque non nos coñecen, transmitíndonos tranquilidade á hora de entrar e ledicia á hora de saír.
Como todo isto é novo para nós, é importante que un de vós nos acompañe durante estes primeiros días, pero debedes de estar tranquilos porque se vos vemos nerviosos non o imos pasar ben, e contáronnos que o cole dos maiores é súper-divertido e que nel aprenderemos un montón de cousas novas.

É necesario que nos mandedes ao cole con roupa cómoda e cun calzado que non teña cordóns porque aínda non sabemos atalos e deste xeito non precisaremos de ninguén para calzarnos.
Para estar no cole dos maiores, ademais precisaremos un mandilón aberto por diante de listas azuis e brancas cos botóns de cores e co noso nome escrito en letra maiúscula; tende en conta que imos traballar moito.
Como imos pasar moito tempo no cole, tamén nos deberedes mandar un pequeno almorzo;... pero ollo!, non nos mandedes moita cantidade porque aínda non comemos tanto, e procurade cumprir o menú establecido para que a miña dieta alimenticia sexa saudable e variada.
Ás veces non imos querer ir ó cole, sobre todo se non durmimos o suficiente, por iso é recomendable que nos deitedes cedo e que durmamos entre 10-12 horas; se aínda así non queremos ir, preocupádevos de que non teñamos febre, dor de oídos… e se estamos sans, lembrádenos o ben que o pasamos e a cantidade de sorpresas que viviremos ao longo de cada xornada.

Tendes que ter paciencia connosco, e se seguimos todas estas indicacións, coidamos que axiña esta aventura convertirase nunha realidade rica e froitífera.

Mencía, Lois, Roi, Sergio, Leo, Froilán, Diego, Nerea, Xiana Xinrui, Unai, Lucía, Daniela, Andrea, Álvaro, Carla, Luis Miguel e Tania, están preparados... e vos?

Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: