Bienvenido

AILALELO, AILALALELOOO...

viernes, 27 de mayo de 2011

Aínda que cuns cantos días de retraso no que a calendario se refire, hoxe celebramos no cole o “Día das Letras Galegas”.
Así, e tras levar a cabo a asemblea matinal da man da nosa súper-encargada Laura L. e coñecer ao derradeiro habitante do “País das Letras” -o mariñeiro W-; moi entusiasmados acudimos ao hall do pavillón norte para desenvolver, xunto co resto de nenos e nenas do cole, o acto organizado polo “Equipo de Dinamización da Lingua Galega”.
Comezamos lembrando da man do alumnado de Educación Primaria a figura de Lois Pereiro, o autor homenaxeado este ano. Descubrimos algúns datos significativos da súa vida como que naceu en Monforte de Lemos (Lugo), que foi o fundador da revista Loia, que estudou varios idiomas e que se adicou á tradución, entre outras cousas.
Logo desta breve introdución, comezamos coa parte do acto máis amena, o momento no que cada clase por niveis cantou un texto folklórico de tradición popular galega que estivemos ensaiando ao longo de toda a semana.
Primeiro, os máis pequenos e pequenas do cole, os nenos e nenas de 3 anos cantaron: “Amoriños collín”,… estiveron sensacionais!
De seguido, os nenos e nenas de 4 anos e: “Ai Rianxo, Rianxo…”, siiiii…, xeniais!
Finalmente, os máis maiores de Educación Infantil que somos nós! Durante esta semana estivemos preparando un fragmento da canción: “Catro vellos mariñeiros” e quen máis e quen menos acompañounos e cantou connosco con palmas incluidas.
Bueno, e así, clase tras clase co momento da merenda e recreo incluídos.


Simultaneamente e para que o acto non resultase denso, concertouse a actuación do grupo de pandereteiras do centro entre as que se atopaban dúas das nosas compañeiras. Todos e todas quedamos coa boca aberta do ben que o fixeron Iria e Laura L., incluso o profe pediulles que tiñan que ensinarnos algunha das cancións interpretadas; pero bueno, deixáremolo para outra ocasión, porque xa na clase deulles un chisquiño de vergoña.

Finalmente, realizouse a entrega de premios do “Concurso de Contos” que se organizaou no cole para conmemorar o “Día do Libro”.
Este curso a temática debía estar vencellada co centro de interese do antroido: o mar, tomando como protagonistas aos personaxes que cada clase elaborou para o día da inauguración da biblioteca. No noso caso, como xa vos contamos, presentamos o conto cooperativo titulado: “Medo, Tiruleca ten... meeedo!!”.



Estabamos entusiasmados cando catro dos nosos compañeiros subiron ao escenario que se improvisou nas escaleiras do hall e recolleron un agasallo que non podía ser outra cousa que... un conto! que xa na clase o profe nos leu.


Ademais do acto a nivel de centro para conmemorar o “Día das Letras Galegas”, a semana pasada asistimos unha vez máis á biblioteca do cole, pero desta vez non se trataba dunha sesión de contacontos como vén sendo habitual este curso. Tratábase dunha exposición do traxe tradicional galego.
A través dun conto, descubrimos os nomes de cada parte do traxe rexional da nosa comunidade: o dengue, as polainas, o refaixo, a saia... tamén os traxes que empregaban noutras épocas a cotío en función da actividade que realizaban en cada momento do día: traxe de gala, traxe para as labores do campo, para a pesca e marisqueo...




Pero sen lugar a dúbidas, os instrumentos musicais foron o que máis nos chamaron a atención, xa que eran distintos, moooooi distintos...
Non se trataba unicamente da típica pandeireta, pandeiro e cunchas, xa que antes, en lugar de mercar os instrumentos de música enxeñábanas para crear os seus propios instrumentos a partir de obxectos e elementos da súa vida cotiá tales coma unha caixa de metal do pemento, golpear un sacho cunha pedra, rascar unha botella de cristal e ata unha tixola, si, si, creaban música ata cunha tixola... impresionante, non si?




A partir da vindeira semana comezaremos os nosos derradeiros días de mandilón. Serán días intensos, de mooooito traballo, días de sentimentos atopados: ledicia porque para o próximo curso estaremos na planta dos maiores e tristes porque sabemos que esta etapa educativa é... marabillosamente fantástica! pero sobre todo días de ilusión, moooita ilusión porque antes de que remate o curso agárdannos mil millóns de sorpresas máis, acompañádesnos?...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

1 comentarios:

Anónimo dijo...

que maiores son os nosos nenos/as. que será deles en primaria????

esperemos que o paso non sexa moi traumático, nin para os nenos nin para os pais (adaptación a novas normas, profesores, mochila, materiais,..)

Moitas grazas j. ricardo por axudarnos na educación dos nosos fillos.