Bienvenido

A GALIÑA QUE POÑÍA OVOS DE CHOCOLATE...

viernes, 1 de abril de 2011

O pasado luns 21 de marzo, foi o “Día Mundial da Poesía” coincidindo co comezo da primavera. Para celebrala no cole, o Equipo de Biblioteca organizou un recital poético a partir da mascota elaborada para o acto de inauguración da biblioteca alá polo mes de outubro.
Lembrádesvos de Tiruleca?... Si, a galiña que poñía ovos de chocolate?... pois esta semana rescatámola da biblioteca para facer unha nova composición plástica cuxo eixo motivador sería unha poesía. No noso caso, tocounos unha composición poética de Concha Blanco titulada: "
A Gaivota”.
Previamente, buscamos información sobre a traxectoria desta escritora, que ademáis é mestra e pedagoga. Pedagoga?, pero que é unha pedagoga?... De xeito sinxelo, o profe explicounos que os pedagogos son os encargados de buscar os modos máis doados para xerar aprendizaxes nas persoas en xeral e, en nós nos nenos e nenas, en particular.

Tamén descubrimos que esta escritora é galega, concretamente de Lires en Cee. Siiiii, Cee está en A Coruña, este dato xa o sabiamos máis dun...

A poesía que nos tocou, narra a historia entre unha gaivota e un muxo que é un peixe mariño.

Trátase dunha estrana relación na que se pode entrever como por mor da fame da gaivota, esta e o muxo nunca serán bos amigos. Pois claro, as gaivotas baixan ao mar para capturar o seu alimento: uns riquísimos e deliciosos peixes...

Na cartulina, e unha vez traballada a poesía nas asembleas matinais e coñecidos algúns dos datos máis representativos da vida de Concha Blanco, consignamos todos estes datos en sendas follas que, posteriormente pegamos a un lado de Tiruleca. Posteriormente, levamos a cabo unha actividade de creación literaria, a partir da observación e interpretación da nosa mascota. A ver..., que se nos pode ocurrir?...

-Siiii, podemos facerlle por enriba nubes de cor azul e un arco da vella-.

-Non, xa que nos atopamos na primavera, podemos debuxarlle flores e bolboretas de moitas cores-.

-Xa o teño, debuxarémoslle estreliñas e unha lúa, pois non vos fixades que Tiruleca ten o pico aberto...-

-É verdade, iso é unha proba irrefutable de que ten que ser de noite e está a piques de amencer e, Tiruleca, estase preparando, para cantar como fan as... galiñas?-

Así que pegamos estreliñas e unha lúa de cor prateada que creou unha visión estética de conxunto orixinal..., non credes? Xa o mércores, fomos cos nosos compañeiros de 3 anos ao recital poético que tivo lugar na biblioteca do cole.

Logo de contemplar as obras de arte e de de escoitar os extractos das poesías dos nenos e nenas de 3 anos A, B e C, tocounos a nós, aos maiores.

Así, previa man levantada, presentamos ao resto de compañeiros e compañeiras á galina Tiruleca, dixémoslles que era unha galiña moi particular, xa que poñía ovos de chocolate branco e negro. Tamén lles explicamos quen era Concha Blanco, que era iso de ser pedagoga e limos, no propio mural, algunhas das súas obras de literatura infantil máis coñecidas. Finalmente, 3 dos nosos compañeiros leron un anaquiño da nosa poesía e, a pesar do nerviosos que estaban, xa que o souberon nese mesmo momento, leron fenomenal e o profe non tivo que andar nese botón que di que temos na espalda para subir o volume... como se nota que somos uns súper-maiores! Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

2 comentarios:

Profe J.Ricardo dijo...

As ondas do mar
as areas da praia
a gaivota branca
piaba piaba.

O muxo nadaba
na auga moi fría
a gaivota voaba
por ver se o vía.

O muxo é un peixe
a gaivota unha ave
serían bos amigos
se non houbese fame.

Poemas para pintar. Concha Blanco.

Anónimo dijo...

como lles gusta aprender cousas novas...

mamá é o mes da poesía, temos que inventar moitas....

así pasamos o día rimando e rimando, mamá que rima con día... a pensar...