Bienvenido

ENFEITIZADOS POLO ANTIGO EXIPTO...

viernes, 25 de marzo de 2011

Estas últimas semanas emprendimos unha viaxe que nos resultou fascinante. Pero como?..., que aínda non sabedes a onde fomos?... Pois nada máis e nada menos que ao Antigo Exipto.
Da man da nosa súper-abella Pepa, durante estes días descubrimos algunhas das características e elementos máis representativos deste país, e dada a motivación suscitada, este centro de interese propiciou o desenvolvemento dunha pequena secuencia de aprendizaxe na que realizamos distintas actividades cuxo eixo vertebrador foi Exipto.
O que máis nos chamou a atención?... Sen lugar a dúbidas as pirámides e as momias. Uf, que medo!
Sabiades que Exipto é a terra das pirámides?... Pois si, é o único lugar do mundo onde existen. Mandáronas construír os faraóns e son tumbas tan grandes coma palacios. Tardaron en construílas moitos, moitos anos porque están feitas pedra a pedra e algunhas son tan grandes coma un rañaceos. Construíronas no deserto e tiveron que traer as pedras en barco polo Nilo, e logo transportalas facéndoas rodar sobre troncos de madeira. Aínda que por fóra son moi sinxelas, por dentro están cheas de pasadizos e labirintos porque encerran moitos segredos. As máis famosas son as de Keops, Kefrén e Micerino.
A de Kefrén, que é a mediana, ten unha esfinxe, que é unha estatua coa cabeza de persoa e o corpo de león.
Ademais de escaleiras, pasadizos e labirintos, dentro das pirámides están os sarcófagos, que son caixas de madeira pintadas onde se metían as momias.
Cando gardaban os sarcófagos e as momias nas pirámides, os exipcios acostumaban a gardar alí tamén tesouros, obxectos, mobles, amuletos da sorte e tamén figuriñas de gato.
Os gatos eran as mascotas preferidas dos exipcios. Para eles era un animal sagrado.
Os exipcios escribían nas paredes das pirámides. Eles non utilizaban letras, senón unha serie de debuxos e signos: son os xeroglíficos. Para aprender a escribilos e a entendelos necesitábanse 12 anos.
Nos xeroglíficos aparecía moitas veces un signo. Era un amuleto que se chamaba Ankh e que lles daba boa sorte.
Os exipcios, ademais de ser excelentes aquitectos e construír pirámides, tamén foron escultores e pintores.
As pinturas exipcias teñen unha característica moi particular: sempre pintaban as persoas de perfil, é dicir, coa cara de lado, e nunca de fronte ou de costas. Ademais das grandes estatuas de pedra que existen hoxe nos templos e nas pirámides de Exipto, hai grandes museos de arte exipcia noutros lugares do mundo.
Neles, expóñense pezas do Antigo Exipto atopadas polos arqueólogos, cuxo traballo consiste en descubrir obxectos doutros tempos que, case sempre, están enterrados.
Ademais de todas estas curiosidades, tamén situamos a Exipto no globo terráqueo que trouxo un dos nosos compañeiros; así que coas persianas baixas e a luz apagada, decidímonos a comprobar si Exipto queda moi lonxe de Rianxo.
Xa no globo terráqueo, todos e todas queriamos ver o río Nilo que atravesa este gran deserto e fai posible que a xente poida vivir alí. Este río está cheo de crocodilos.

Logo, se queremos ir a Exipto,.... que medio de transporte deberemos empregar?.
-Pois está claro: o avión, o helicóptero ou o barco-
-Barco???, alguen dixo barco???... Noooon, o barco non que hai crocodilos!!!-


Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

1 comentarios:

Anónimo dijo...

Nada máis hai que ver as caras dos rapaces e rapazas de 5 ANOS, o interesados que están neste tema. Foi unha boa proposta para que así se acheguen un poco máis a outras culturas con tanta repercusión, como foi Exipto e todo o que iso conleva.

Un saúdo.