Bienvenido

CON BOLBORETAS NO ESTÓMAGO...

viernes, 18 de febrero de 2011

Como xa vos comentamos, ao longo deste mes estamos mergullados nunha nova emoción, nun novo sentimento: o amor. E claro, como vos podedes imaxinar, esta semana foi vivida de xeito especial, pois voltamos á rutina cotiá do cole celebrando xa o luns o “Día de San Valentín”.
Nembargantes, a partir da celebración do “Día da Candeloria”, o amor é unha emoción-sentimento presente na nosa aula posibilitadora de conversas que facilitan a elaboración do noso autoconcepto e autoestima.
A Candeloria é unha festa relixiosa que se celebra o día 2 de febreiro. Consiste na bendición das candeas que despois serán utilizadas na celebración da Semana Santa. Ademais, esta festa é considerada coma un preludio da chegada da primavera, dicíase que era a época do casamento dos paxaros. Casamento? Paxaros?... pero que é necesario para poder casar?... Pois claro, ademais de ser maiores é necesario estar... namorado!

As conversas suscitadas a partir desta emoción-sentimento foron moitas e interesantes, pois quen máis e quen menos xa tiña a súa... moza?? Bueno, este tema resultou un tanto controvertido e polémico xa que moitos non estaban correspondidos e máis dun recibiu as súas primeiras “cabazas” por parte do seu namorado ou namorada, por iso acordamos falar máis que de “mozos” de “amigos especiais” que serían eses amigos cos que sentes bolboretas no estómago cando estás preto deles ou delas.
Ben, agora que tiñamos máis ou menos clara a idea dos “amigos especiais” xorde unha nova cuestión: “queremos igual a todo o mundo?”... Pois claro que non, non queremos do mesmo xeito a mamá e a papá, aos avós, primos, amigos... son distintos modos de querer superditados á estima que teñas cara esa persoa.
Todo isto representámolo nunha actividade impresa na que tiñamos que debuxar a aquela persoa que queremos ata o infinito e máis alá -case nada-; pero o certo é que á maior parte non nos custou demasiado determinar a quen queremos máis. (tranquilas, as súper-mamás seguides sendo as máis queridas do mundo mundial)
Asemade, para a seguinte semana remataremos a actividade que titulamos: “Sembrando amizades”. Unha actividade que nos permitirá facer novos amigos, uns amigos cuxo cole se atopa en Santiago e que, ao igual que nos, están participando no proxecto de investigación: “Esculpindo emocións!”, pero de todo esto, xa teredes novas moi pronto no blog...
Pero por fin, por fin chegou o día, o “Día de San Valentín”… siiiiiii! Un día no que daríamos renda solta a todo o amor que colle no noso corpo, un amor adicado -amigos e amigas especiais a parte- indiscutiblemente ás nosas familias. Para iso fixemos un corazón con airon-fix ao que lle puxemos o noso nome para agasallar á persoa da nosa familia que queremos máis, esa persoa que non pode faltar no noso día a día, esa persoa que nos cuida, protexe, mima e... berra! Pois claro que si, isto non quere dicir nin moito menos que non nos queira, senón que quere o mellor para nós. (isto último tíñamolo moi interiorizado)


Ademais, o profe explicounos a orixe deste día remontándonos aos seus antedecentes históricos, nada máis e nada menos que á Roma do século III, época na que estaba prohibido o matrimonio entre soldados porque se cría que os homes solteiros tiñan moita máis forza nas guerras.
Neste contexto, xurde a figura de San Valentín, un sacerdote que decide casar en secreto ás parellas que estaban namoradas e cando o descobren, encarcélano e mátano un 14 de febreiro.
Como actividade final elaboramos un mural en papel continuo no que debuxamos un corazón xigante que máis tarde recubrimos das nosas mans previamente impregnadas en témpera de cor vermella, rosa e branca. Estabamos moi ilusionados e todos puxemos o noso graniño de area para que o resultado fose... sinxelamente espectacular! Si, xa sabemos que non é unha cousa doutro mundo, pero non esquezades que os pequenos detalles convírtense para nós nalgo colosal, nembargantes, xulgade vos mesmos o resultado final...

Ah, xa sabedes que queda unha pregunta no aire, unha pregunta que hoxe viaxou ás nosas casas en forma de actividade que fomente a relación familia-escola... mil millóns de grazas, por estar sempre ao noso carón!
E mentres agardamos os resultados: unha chuche, pero unha chuche con forma de... corazón. Mmmmmm, deliciooosas!

Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: