Bienvenido

ALBA E OS... VIKINGOS?

viernes, 11 de febrero de 2011

O mércores, asistimos, como vén sendo habitual dende hai algunhas semanas a unha sesión de contacontos, pero a desta semana era especial, xa que o contacontos era profesional, explicámonos...
O que ocorre é que dende o “Equipo de Biblioteca” do cole, organízanse -semanal ou quincenalmente- sesións de contacontos cuxos protagonistas son nenos e nenas de Educación Primaria que se converten por uns momentos en excepcionais contacontos que nos fan vibrar coas súas historias, están sensacionais!
Esta semana, en cambio, acudiu un contacontos profesional a relatarnos o que lle pasara a aquela nena de cor de pelo azul.
“Alba e os vikingos” foi a historia escollida para esta ocasión e, a partir dun dado fomos descubrindo as distintas secuencias que nos poñían en situación: a do barco vikingo, a do paxaro co anaco de lá de cor azul, a da velliña que choraba e choraba sen parar, a do arco da vella... Deste xeito, sen apenas pechar os ollos, revivimos a fascinante historia que lle ocorrera a Alba cando unha tarde se atopou cun barco vikingo.
A dicir verdade, no noso caso particular, resulta doado comprender a expectación suscitada no desenvolvemento argumental da historia, pois de todos é sabido que os contos encántanos e nunca cansamos de escoitalos unha e outra vez, máis agora que moitos de nós xa sabemos ler e facemos que esas historias renazan tantas veces como desexamos. Non debemos esquecer que ler debe converterse nun tempo de pracer, de diversión e de disfrute.
Os contos permítennos explorar os reinos da imaxinación, establecer lazos de comunicación, ademais nutren e enriquecen a fantasía e amplían o noso pequeno-gran mundo experiencial, favorecen o proceso de maduración global da personalidade, facilitan a aprendizaxe noutras materias, sementan curiosidade, interese e a concepción dos libros como portadores dun mundo fantástico, enxeñoso, marabilloso e interesante.
Xa na clase, seguimos coas rutinas da asemblea, pois Candela, a súper-encargada dese día non podía quedar sen as súas sumas, restas, ditado e pequeno momento respousado de lectura individual.
Logo, lembramos a historia de Alba e os vikingos, producíndose conversas moi interesantes acerca destes últimos, xa que algún de nós non sabía o que eran exactamente, ah, siii, uns homes que levan na cabeza uns cornos como os das vacas!.
O certo é que, en liñas xerais, non amosamos problemas de comprensión e quen máis e quen menos soubo dicir que parte da historia lle gustara máis, para que?... Pois para deixar constancia da sesión de contacontos a modo de debuxo, unha actividade que levariamos a cabo despois do momento da merenda, agora tocaba traballar no libro e coñecer o que lle ocorreu á nosa Pepa na súa aventura no centro comercial.

Tranquilidade, non vos preocupedes que aquí vos deixamos os resultados. Somos ou non somos uns súper-maiores?...


Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

2 comentarios:

Anónimo dijo...

NORABOA POR ESA 6.000 VISITAS....
COMO PODES VER SOMOS MOI TÍMIDOS PARA POÑER COMENTARIOS. AÍNDA QUE XA SABEMOS QUE O BLOGUE SE ALIMENTA DOS NOSOS COMENTARIOS....
PERO QUE SEPAS QUE CHE SEGUIMOS HABITUALMENTE E QUE NOS PARECE UNHA INICIATIVA MOI BOA
APERTAS

Anónimo dijo...

¡¡ENHORABUENA POR ESAS 6000 VISITAS!!
El blog nos ha servido de mucho a las familias, así pues, día a día hemos sabido lo que hacían nuestros hijos e hijas en clase, y todo gracias al trabajo que te marcas cada día, tanto en clase con ellos como desde esta plataforma informática.

Eres un trabajador nato, gracias por todo, y...ENHORABUENA de nuevo.