Bienvenido

ADEUS MIÑOCA... OLA PEPA!

viernes, 24 de septiembre de 2010

Logo da semana intensa das festas da nosa vila agora si podemos dicir que comezamos o cole e esta primeira semana de mandilón estivo repleta de pequenos acontecementos que dun ou doutro xeito marcarán o día a día da nosa aula durante este curso.
Así, cada día, entre todos e todas fomos lembrando algunhas das rutinas que seguiremos desenvolvendo este curso ao tempo que incorporamos outras á parrilla de clase e que agardamos contribúan ao noso proceso de aprendizaxe. Seguiremos tendo pois; rutinas de entrada como o abotoado do mandilón, a asemblea, por suposto a elección do encargado, a fichaxe de ausencias e presenzas e a constatación do tempo atmosférico no panel de Pete, incorporando a realización de operacións matemáticas sinxelas -algo que nos fascina-, a escritura en letra minúscula e actividades de lecto-escritura varias.
Buffffff, e despois de máis de dous meses sen realizar algunha das tarefas co curso pasado faciamos case cos ollos pechados, para máis dun está supoñendo un reto ao que cada día, con máis ou menos éxito, nos estamos enfrontando: cumprir os hábitos e pautas de comportamento establecidas na aula, poñer e abotoar correctamente o mandilón ou mesmo escribir o noso nome son unha mostra de tarefas cotiás que para máis dun están supoñendo toda unha odisea... así que estes días serán duros e intensos pero se poñemos un pouquiño da nosa parte todo resultará máis doado.
Entre as gratas sorpresas acontecidas ao longo da semana, comezaremos destacando a incorporación de dous novos compañeiros; chámanse Aarón e Jade Mireille. O certo é que xa os coñeceramos o primeiro día de clase, o día da presentación, pero non sabemos se foron os nervios ou a desubicación espacial que nos pasaron inadvertidos.
Asemade, tamén nos alegrou a nova co martes nos comentou o profe e é que o mércores, se reincorporaba Marta. E claro, como podedes imaxinar as preguntas por David, o noso David, non se fixeron esperar, xa que... si Marta regresaba de novo do seu cole, por que non voltaba tamén David?... O profe explicounos co cole de David estaba moito máis lonxe co de Marta e que por iso non podía voltar a Rianxo do mesmo xeito que lle pasaba a Estefanía, a nosa mestra de P.E.L.O. cando estabamos en 4 anos e que tamén botamos de menos. Por iso, nese mesmo momento todos e todas fixémoslles a ambos un envío que agardamos recibiran xa: mil millóns dos nosos bicos preferidos desexándolles que todo lles vaia súper-fenomenal.
Tamén coñecemos a Karina a profe de Inglés, a José Luis o profe de Música e a Silvia a profe de P.E.L.O.
Por outra banda, e ao tempo que lembrabamos cousas tan elementais como o correcto trazado dos números do 1 ao 6, as normas de obrigado cumprimento na realización das actividades impresas individuais e ter moi presente iso de que “non todo vale”, -non, aquí non-, despedímonos de Miñoca, a nosa Miñoquiña amareliña, para darlle, moi ilusionados a benvida á abella Pepa.
Tratouse dunha despedida alegre, xa cos libros co profe nos ensinou e que comezaremos esta semana teñen unha pinta estupenda e, ao tratarse de libros de 5 anos, teñen actividades de maiores, e claro, xa sabedes o que nos gusta iso de sentirnos maiores...
Pepa é unha abella que revoa de flor en flor no bosque das flores da risa e á que lle gusta especialmente ler contos, de aí que se atope connosco na clase de 5 anos, pois este curso coa axuda de Pepa e do profe seguiremos avanzando no proceso da lecto-escritura en letra maiúscula e intentaremos iniciarnos no correcto trazado e identificación das grafías en minúscula.
Atópase situada nun lugar privilexiado da aula e en cada unidade didáctica converterase nun excepcional eixo motivador que nos presentará, a través das súas historias, cada centro de interese: o colexio, o outono, o Nadal, o Antroido...
Aquí vos presentamos á nosa nova mascota: a abella... PEPA!!!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

3 comentarios:

Profe J.Ricardo dijo...

Non é un paxaro,
non é un avión;
é unha abella
que revoa de flor en flor.

Pe, Pe, Pe, Pe, PEPA.
Vai de flor en flor.
Pe, Pe, Pe, Pe, PEPA.
Abella amiga sí señor!

Anónimo dijo...

Cantas cousas se lles esperan neste ano a estes nenos e nenas, que XA teñen 5 anos, que maiores...
Estades preparados para comezar este novo curso?


Un aperta

Anónimo dijo...

Que pena que se nos vaia miñoca...
eso tamén significa que os nosos fillos/as vanse facendo máis maiores. Pasan de ser unha pequena miñoquiña a unha gran abella.
Pero ben, témolo que ir asumindo.
BENVIDA PEPA